Wednesday 23 de September de 2026

Daniel Pérez solicitou na comisión de seguimento de Baldaio un protocolo de actuación para abrir a canle cando sexa preciso mentres non se afronta a solución definitiva


A comisión, integrada por representantes das administracións central, autonómica e local, reuniuse hoxe a petición do Concello

A comisión técnica de seguimento da lagoa de Baldaio reuniuse hoxe en Santiago de Compostela, a petición do Concello de Carballo, para analizar a evolución da canle que comunica a lagoa co mar. O alcalde, Daniel Pérez, destacou a necesidade de avanzar en dúas liñas de traballo: establecer un procedemento para actuar de inmediato cando a canle se peche e abordar a unha solución estable para o seu funcionamento.

Na reunión participaron representantes e persoal técnico das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, de Costas do Estado e do Concello de Carballo. Pola parte municipal asistiron o alcalde, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e un técnico da área.

“Todas as partes sabemos que Baldaio é un espazo sensible e que atopar unha solución é difícil, porque hai que ter en conta a conservación do medio natural, o marisqueo, a hostalaría e tamén cuestións relacionadas coa calidade das augas, pero o problema existe e temos que abordalo”, sinalou Daniel Pérez.

O Concello solicitou a convocatoria da comisión tras observar unha redución progresiva da sección da canle e do intercambio de auga coa lagoa. O obxectivo municipal é que, mentres non exista unha solución definitiva, se elabore un protocolo de actuación que permita sistematizar as actuacións de apertura cando sexan necesarias, sen agardar a que exista unha solución definitiva.

Nese marco, aínda que as administracións central e autonómica dispoñen das competencias e da capacidade técnica e orzamentaria principais, o Concello de Carballo amosouse disposto a colaborar. “Estamos dispostos a asumir a parte que nos corresponda por responsabilidade con Baldaio», afirmou o alcalde.

En canto á solución a longo prazo, o primeiro paso exposto na reunión sería a elaboración dun estudo da dinámica litoral, que se propuxo que elabore Costas do Estado. Os resultados deberían servir de base para definir posteriormente un proxecto técnico coa solución final. Por parte do Concello de Carballo seguirase insistindo para que se axilice o proceso, dado que no encontro de hoxe non se fixaron prazos para eses traballos.

«É unha cuestión complexa e precisa dunha análise rigorosa, pero compartimos unha premisa fundamental: hai que garantir que se manteña o fluxo intermareal», resumiu Daniel Pérez. O alcalde valorou que a comisión prevista no protocolo asinado en agosto comezase a traballar e insistiu en que o seguimento entre administracións debe permitir unha intervención inmediata ante posibles novos peches da canle.

Deja un comentario