O Concello abre a inscrición para o curso gratuíto que se ofertará en Anca, no Roxal, no Puntal e no centro cívico de Neda
O Concello de Neda abre o prazo para inscribirse nun curso de prevención de riscos no fogar, dirixido especialmente aos maiores da localidade. A iniciativa de formación e divulgación desenvolverase entre mediados de outubro e mediados de novembro en distintos emprazamentos do municipio. O obxectivo, identificar posibles perigos para así evitar accidentes domésticos.
A administración local impulsa esta proposta coa axuda da Deputación da Coruña, buscando axudar a garantir a seguridade e o benestar da veciñanza. Así, ao longo das oito sesións previstas en cada sede avaliaranse as situacións máis frecuentes de risco, aportaranse recomendacións para evitar incidentes que, na poboación de máis idade, poden ter consecuencias graves, e daranse pautas de actuación en caso de emerxencia.
Así, durante o cursiño identificaranse perigos, traballarase para que os participantes conten con fogares máis seguros, explicaranse primeiros auxilios básicos, falarase do manexo de medicamentos e prevención de intoxicacións, do plan familiar de emerxencia…
O Concello propón inicialmente configurar ata catro pequenos grupos noutros tantos puntos do municipio. Os luns e mércores terían lugar as sesións no local social de Anca (de 16:00 a 17:45 horas) e no Roxal (de 18:00 a 19:45 h) e os martes e xoves sería a quenda da Casilla do Puntal (de 16 a 17:45 h) e do centro cívico de Neda (de 18:00 a 19:45 horas).
As persoas interesadas en participar neste Curso de prevención de riscos no fogar deberán apuntarse canto antes na Casa do Concello ou chamando ao teléfono 981380039. As prazas son limitadas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.