• O mercado municipal acollerá o domingo 27 tres funcións dunha experiencia teatral multisensorial concibida desde a súa orixe para públicos con capacidades e necesidades diversas
• O espectáculo incorpora subtitulación, audiodescrición, bucle magnético, anticipación de estímulos, materiais táctiles e un espazo de calma
A que cheira a Lúa? Pódese escoitar unha nebulosa? Como é tocar un meteorito que percorreu o sistema solar durante millóns de anos? O espectáculo Universo accesible convida a explorar o cosmos dunha maneira pouco habitual: a través da vista, do oído, do tacto e do olfacto.
O mercado municipal de Carballo acollerá o domingo 27 de setembro, ás 18.00, 19.00 e 20.00 horas, tres funcións desta experiencia creada por Cosmos Creativo e MyH Producciones. A actividade está dirixida a todos os públicos a partir de cinco anos, é gratuíta e require reserva previa en carballo.gal.
Universo accesible propón unha viaxe polo espazo en compañía dun actor e dunha peculiar intelixencia artificial, JAL. Durante aproximadamente 40 minutos, ciencia, teatro, música, iluminación e tecnoloxía combinaranse para compartir o coñecemento astronómico desde o asombro e o xogo.
A proposta forma parte da programación deseñada pola Concellaría de Innovación para celebrar a Noite Europea das Persoas Investigadoras, dentro da aposta municipal por achegar a ciencia á cidadanía mediante formatos próximos, participativos e pensados para públicos diversos.
O Universo a través dos sentidos
O son terá un protagonismo especial grazas a un telescopio sonoro, un dispositivo capaz de transformar en música unha imaxe astronómica do ceo. O público tamén poderá tocar representacións da bóveda celeste, das constelacións, das estrelas e das nebulosas, ademais de ter nas súas mans meteoritos auténticos. O olfacto permitirá descubrir recreacións dos aromas do espazo exterior e da Lúa, desenvolvidas pola astrobióloga e perfumista Marina Barcenilla. A experiencia completarase con iluminación envolvente e vídeos orixinais creados a partir dos últimos datos obtidos pola misión Gaia da Axencia Espacial Europea.
Unha das principais singularidades do espectáculo é que a accesibilidade non se incorporou como unha adaptación posterior, senón que forma parte do seu deseño artístico, científico e técnico desde o inicio. A proposta foi concibida para persoas con e sen discapacidade, cunha atención especial ás persoas con discapacidade visual ou auditiva e ás persoas con trastorno do espectro autista.
O dispositivo previsto inclúe subtitulación, audiodescrición integrada na propia dramaturxia, bucle magnético e sistemas de audio amplificado. Durante a representación utilizaranse tamén indicadores luminosos para anticipar estímulos sonoros, visuais ou de movemento e informar da súa intensidade.
Antes de cada función haberá unha mesa con materiais de accesibilidade, como lentes para persoas fotosensibles, cascos de cancelación de ruído, tapóns redutores, narrativas anticipatorias, textos en letra grande e lupas.
Tamén se habilitará un espazo de calma ou módulo de descompresión, con luz baixa e elementos que favorezan o descanso sensorial e a autorregulación, que poderá utilizarse en calquera momento.
O texto, a dirección, a interpretación e o asesoramento científico corresponden ao físico, actor e divulgador Fernando de Retes, fundador de Cosmos Creativo. O deseño de accesibilidade foi desenvolvido pola doutora Elena S-V Flys, especialista en teatro accesible e deseño universal aplicado ás artes escénicas.
Universo accesible propón, deste xeito, unha experiencia compartida na que cada persoa poderá achegarse ao cosmos a través dos seus propios sentidos. Porque, se o obxectivo é levar a ciencia a toda a cidadanía, ese “toda” debe ser real.
Información práctica
• Data: domingo 27 de setembro
• Funcións: 18.00, 19.00 e 20.00 horas
• Lugar: mercado municipal de Carballo
• Público: todos os públicos a partir de cinco anos
• Duración: arredor de 40 minutos
• Prezo: actividade gratuíta
• Reservas: carballo.gal
A actividade forma parte da Noite Europea das Persoas Investigadoras e do proxecto europeo TALK0, financiado pola Unión Europea.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.