Wednesday 23 de September de 2026

Goretti Sanmartín e Iago Lestegás visitan o castelo da Rocha Forte tras a actuación de roza e limpeza con control arqueolóxico realizada polo Concello


A alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo comprobaron o resultado desta actuación, na que a sección municipal de Arqueoloxía investiu preto de 5.000 euros para favorecer a conservación e preservación do xacemento da que foi a maior fortaleza medieval de Galicia.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, desprazáronse este martes ao castelo da Rocha Forte xunto coa arqueóloga municipal para visitar a zona tras a actuación de roza e limpeza con control arqueolóxico realizada polo Concello este verán.

A actuación, impulsada pola Sección Municipal de Arqueoloxía do Servizo de Rehabilitación e Vivenda da Concellaría de Urbanismo, consistiu nunha intervención arqueolóxica no xacemento encamiñada a favorecer a súa conservación e preservación, cun investimento de 4.888 euros.

Ademais da roza e limpeza da superficie do xacemento situado no lugar de Rocha Vella, realizouse a valoración do seu estado de conservación actual por parte dunha arqueóloga. Na actualidade, o Concello tamén está traballando nun contrato de mantemento plurianual.

O xacemento arqueolóxico da Rocha Forte contén os restos da que foi a maior fortaleza medieval de Galicia. O castelo, edificado entre os séculos XIII e XV, constituíu un enclave estratéxico durante as loitas de poder nobiliario, sendo completamente destruído tras as Revoltas Irmandiñas. As ruínas da Rocha Forte son un testemuño patrimonial esencial que permite profundar na historia compostelá e obter unha perspectiva única sobre a arquitectura militar da Idade Media.