• Rivadulla: “O Concello debería explicar por que reclama que se financie por outra vía un servizo que xa conta con financiamento autonómico”
• As bases do Bono Concilia Familia exclúen expresamente os campamentos organizados polas administracións públicas.
O Partido Popular de Arzúa critica a reclamación realizada polo Concello de Arzúa á Xunta, publicada nos últimos días na web municipal, para que o Bono Concilia Familia inclúa tamén os servizos municipais de conciliación. O PP considera que o goberno local está reclamando un financiamento adicional para unha actividade que xa conta cunha liña específica de apoio autonómico.
As bases do Bono Concilia Familia establecen expresamente que non son subvencionables os campamentos organizados directa ou indirectamente polas administracións públicas. Polo tanto, non se trata dunha decisión arbitraria da Xunta, senón dunha condición establecida na propia convocatoria.
“O Concello está reclamando á Xunta que financie a través dun programa unha actividade que as propias bases dese programa exclúen expresamente. Non é unha cuestión de vontade política, senón de cumprir as regras da convocatoria”, sinala o portavoz do PP, Rafael Rivadulla.
O PP lembra, ademais, que a Xunta xa financia “Arzúa + Concilia” a través do Plan Corresponsables, cunha achega concedida ao Concello de Arzúa de 42.552 euros para este ano, sobre un importe subvencionable de 47.280 euros.
“O Concello non pode presentar como falta de apoio ás familias unha situación na que a Xunta xa está achegando máis de 42.000 euros para “Arzúa + Concilia”. O que ten que facer o goberno municipal é xestionar ben os recursos que xa recibe”, afirma Rivadulla.
Para os populares, a publicación do Concello evidencia unha vez máis a falta de xestión e unhas prioridades equivocadas: “Os veciños necesitan solucións e boa xestión, non que o Concello cree polémicas para trasladar á Xunta responsabilidades que non lle corresponden. A Xunta está financiando “Arzúa + Concilia”; agora corresponde ao Concello explicar como utiliza eses recursos”, conclúe o portavoz popular.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.