A voceira do executivo municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos da sesión ordinaria da Xunta de Goberno local, entre os que destaca a aprobación da convocatoria de subvencións ás asociacións veciñais.
Estas axudas, que contan cunha dotación de 90.000 euros, danlles cobertura a gastos realizados durante todo o exercicio 2026, distribuídos en dous tramos: gastos efectivamente exectuados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, que teñen que xustificarse ata o 15 de outubro; e gastos realizados entre o 1 de outubro e o 31 de decembro (cun máximo do 30% do total), que se aboarán no momento da concesión e poderán xustificarse ata o 15 de xaneiro de 2027. Esta última parte, indicou a concelleira, “trátase dunha novidade” na convocatoria deste ano e co obxecto de dala a coñecer e para explicar todas as dúbidas que xurdan o Concello manterá unha reunión explicativa coas entidades veciñais interesadas.
O importe da subvención non poderá superar o 80% do orzamento das actividades que se presenten, cun límite de 3.000 euros, que se eleva a 5.100 cando as entidades sexan as titulares do equipamento sociocultural.
O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación no BOP da Coruña.
Tamén se aprobou unha modificación non substancial do proxecto técnico de obras de reposición da legalidade urbanística no edificio situado na rúa de García Prieto, 9-11 en execución subsidiaria da sentenza do Tribunal de Instancia de Santiago, Sección do Contencioso-Administrativa, Praza núm. 2,PO/4387/1991, referendada pola Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia 347/1993. E finalmente no Tribunal Supremo no1999.
Segundo deu conta Míriam Louzao, “a orixe deste problema é a execución de obras non amparadas na licenza concedida en 1988. A continuación, solicitan nova licenza para legalizalas e a arquitecta municipal emite informe indicando que esa legalización era imposible de acordo co Plan Xeral de Ordenación Municipal do 89, vixente nese momento. Non obstante, a Comisión de Goberno concede licenza de legalización a pesar dese informe. E con posterioridade, diferentes tribunais confirman que, efectivamente, non eran legalizables”.
Este edificio construíuse no seu día con maior aproveitamento do permitido baixo a rasante da rúa de García Prieto e cunha entrada pola parte de atrás do edificio, cara á rúa de Manuel Beiras (tres sotos en lugar dos dous autorizables). O proceso xudicial determinou que cómpre deixar sen uso esa entrada e un andar de soto e resolver a entrada aos garaxes desde a rúa de García Prieto. Isto, indicou Louzao, obrigou a elaborar un proxecto técnico que modifica varios elementos estruturais de acceso. A falta de acordo da comunidade e os impedimentos que opuxo unha parte dela para lle atopar unha solución, impedindo incluso a entrada a partes do inmoble, levou a que se teña que executar subsidiariamente seguindo as ordes do Tribunal Superior e do Tribunal Supremo. “As dificultades atopadas para executar o proxecto tal como estaba formulado obrigan a aprobar esta modificación non substancial”, subliñou.
Aprobouse, así mesmo, o expediente para a contratación dun préstamo por importe de 2.972.000,00 € co que se atenderán os investimentos e as transferencias de capital previstas nos orzamentos 2026.
O expediente aprobouse tendo en conta que o Concello cumpre os requisitos esixibles:
O orzamento 2026 está definitivamente aprobado.
O aforro neto é positivo (coa anualidade teórica de amortización ascende 3.938.051,05 euros, o que supón a existencia dun aforro neto positivo do 3,22%)
Non se supera o límite legal de endebedamento, que é do 75% (incluíndo esta operación chegará a 39.792,771,03 €, que é 32,55% dos dereitos liquidados correntes do exercicio 2025).
A pesar de que a operación non corresponde ao ámbito da Lei de contratos do sector público ten que axustarse principios similares de publicidade, transparencia, igualdade entre licitadoras e selección da oferta máis vantaxosa.
De acordo co prego de condicións, establécense dous períodos. Un primeiro tramo, como póliza de crédito, cunha duración de tres anos, no que o Concello poderá dispor progresivamente dos fondos en función da súa execución. Durante este prazo só se devindicarán xuros das contías de que se dispoña. Un segundo tramo, cunha duración de nove anos, no que se reembolsará o capital, ademais dos xuros correspondentes. O tipo de xuro será variable e a referencia o EURIBOR a tres meses, xa que a liquidación de xuros será trimestral.
Incluído por urxencia na orde do día aprobouse o expediente do contrato do servizo de danos materiais ao abeiro do lote 2 do acordo marco da FEMP sobre mediación de seguros.
A retribución do contratista virá fixada pola comisión que especifique cada unha das pólizas de seguro que sexa necesario subscribir e será aboada pola entidade aseguradora sen que se derive ningún gasto ou custo para o Concello.
Tamén se acordou a prorroga do contrato do servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais, subscrito coa empresa SANIASTUR, SL, a partir do 15 de setembro de 2026 polo tempo necesario ata a adxudicación do novo contrato e en todo caso polo prazo máximo de seis meses.
Outros asuntos
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno autorizou a licenza para a rehabilitación enerxética do edificio situado no número 24 da rúa de Quiroga Palacios.
Tamén tomou conta da sinatura dos convenios correspondentes ás subvencións nominativas seguintes:
– Programa de Maiores IV Ciclo da USC: 2.000 euros
– Asociación SOGAPS (Solidariade Galega co Pobo Saharauí): 8.000 euros
– IES Rosalía de Castro para o Bacharelato Internacional: 6.200 euros
– Programa de igualdade de xénero da USC: 14.000 euros
– Programa de atención bucodental da USC:20.000 euros


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.