O Pleno de Neda aprobou este mediodía por unanimidade o paquete de obras que o Concello impulsará cos fondos adicionais do Plan único (POS+ 2026). A actuación con maior investimento corresponde á pavimentación do camiño de Balbís e A Buhída. Trátase dunha intervención, cun orzamento máximo de preto de 85.000 euros, destinada a mellorar a seguridade tanto dos condutores como dos peóns que utilizan a diario esta vía, que dá acceso a lugares cun considerable volume de poboación.
A intervención, que se estenderá ao longo dos 604 metros, busca dotar dunha nova capa de rodadura a este camiño, que presenta actualmente un estado de conservación deficiente, derivado del uso e das obras de substitución de conducións de saneamento e gas, así como da execución de numerosas acometidas ás redes de servizos.
As obras contemplan a limpeza de cunetas, traballos de rebacheo nos puntos máis deteriorados e o aglomerado en quente da vía que, gañará ancho nalgúns treitos, grazas á utilización das faixas de cesión nas fincas edificadas, e co entubado dunha fonda cuneta de terra existente na actualidade.
O Pleno aprobou ademais a inclusión no POS + adicional 2/2026 dos traballos de pavimentación da rúa xeneral Morgado (51.131 euros), a renovación da iluminación do paseo marítimo (35.500 euros) e pequenas actuacións de mellora da contorna da pista polideportiva do Roxal.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.