Tuesday 22 de September de 2026

O BNG reclama ao Concello que revise de inmediato a presenza de cristais na area do recentemente renovado parque infantil de Coroso


Cruz Rivadulla considera “inaceptable” que unha actuación recentemente executada presente este tipo de problemas nun espazo destinado ás crianzas e reclama ao Goberno do PP que determine a orixe dos cristais e garanta a seguridade da zona

O BNG reclama ao Goberno municipal de Ribeira que revise de inmediato a presenza de cristais de gran tamaño detectados na area do parque infantil de Coroso, recentemente renovado polo Concello. Pais e nais usuarias deste espazo puxéronse en contacto co BNG para alertar dunha situación que consideran preocupante, especialmente pola presenza de menores nunha zona na que poden producirse cortes e outras lesións.

Segundo trasladaron as familias ao BNG, non parece tratarse de restos procedentes de botellas recentemente rotas ou dun botellón, senón de fragmentos que poderían ter chegado coa propia area recentemente colocada nesta zona infantil. Por este motivo, o BNG considera necesario que o Concello determine canto antes a procedencia destes materiais e revise tanto a area empregada como os traballos realizados. A normativa aplicable aos espazos de xogo infantil establece precisamente que a area empregada nestas zonas debe reunir unhas condicións adecuadas de limpeza e seguridade e estar libre de contaminantes, fragmentos punzantes, elementos cortantes ou outros materiais que poidan supoñer un risco para as persoas usuarias.

“Estamos falando dun parque infantil que acaba de ser renovado e no que as familias están atopando cristais de considerable tamaño na area. É unha situación que ten que ser revisada inmediatamente”, sinala a concelleira do BNG, Cruz Rivadulla.

Rivadulla considera especialmente preocupante que este tipo de problemas aparezan nunha actuación recentemente realizada e na que se investiron case 50.000 euros de cartos públicos. “Vemos que o PP está máis preocupado por sacarse fotos que de traballar con rigor pero cando se fai unha obra nova non chega con facerse fotos e dar por rematado o traballo, hai que comprobar que o resultado cumpre as condicións de seguridade e que os materiais empregados son os adecuados. Moito máis cando estamos falando dun espazo destinado ás crianzas”, afirma.

A concelleira nacionalista reclama ao Goberno municipal que non agarde a que se produza ningún accidente para actuar e que proceda á inspección inmediata da zona, retirando os elementos que poidan representar un perigo e comprobando o estado e a procedencia da area. “Pedimos que o Concello se ocupe de revisar as obras que fai e garanta que están en condicións antes de poñelas ao servizo da veciñanza.

Deja un comentario