Tuesday 22 de September de 2026

O Concello recibe unha delegación de Malta para compartir experiencias sobre acollida e inclusión da poboación migrante.


• A visita, enmarcada no programa Erasmus+, permitiu coñecer o traballo dos Servizos Sociais municipais e intercambiar boas prácticas en materia de inclusión social e educativa

O Concello recibiu unha delegación de catro profesionais do International Learners Directorate (ILD) de Malta, organismo gobernamental especializado na atención educativa e inclusión de persoas e familias migrantes. A visita, enmarcada nunha mobilidade Erasmus+ de observación profesional (job shadowing) impulsada polo equipo directivo do IES Leliadoura, co seu director Ismael Arnoso á fronte, permitiu presentar á delegación maltesa a realidade social do municipio e o traballo que se desenvolve desde os Servizos Sociais municipais.

A alcaldesa, María Sampedro, subliñou a importancia de compartir experiencias con outros territorios europeos para seguir avanzando nas políticas de acollida e inclusión. Neste sentido, destacou o labor dos Servizos Sociais municipais e o traballo en rede que se desenvolve desde o Concello para acompañar as persoas e familias migrantes no seu proceso de integración.

Durante a xornada, representantes municipais e persoal técnico de Servizos Sociais compartiron coa delegación os principais retos
relacionados coa diversidade cultural e a inclusión social, así como os protocolos municipais de primeira atención, asesoramento e empadroamento e o traballo de acompañamento a familias, menores e persoas en situación de vulnerabilidade.

O encontro serviu tamén para poñer en valor a coordinación entre a administración local, os centros educativos e o tecido asociativo, así como para intercambiar experiencias sobre os procesos de acollida e integración da poboación migrante. Entre os temas abordados estiveron a aprendizaxe lingüística, a inclusión educativa e social, a conciliación e o acceso á formación e ao emprego.

A iniciativa permite establecer un intercambio de boas prácticas entre o modelo maltés e a realidade galega, ao tempo que contribúe a fortalecer os vínculos internacionais do municipio e a explorar futuras vías de colaboración e cooperación europea.

A visita forma parte do programa de internacionalización do IESLeliadoura, centro acreditado Erasmus+, e está coordinada polo seu equipo directivo, encabezado polo director Ismael Arnoso, e pola coordinadora Erasmus+, Josefa Hermo.

Deja un comentario