A alcaldesa de Santiago participou esta mañá no acto de inauguración das novas instalacións de Bandalux, que traslada a Compostela a súa sede central e cumpre 40 anos de actividade. Ao acto, entre outas autoridades, tamén asistiron outros representantes da corporación municipal como a portavoz do goberno, Míriam Louzao, a tenenta de alcaldesa, María Rozas, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, e o portavoz do grupo municipal do PP, Borja Verea.
Goretti Sanmartín indicou na súa intervención que un dos grandes desafíos que debe afrontar Santiago nos vindeiros anos é o de transformar as fortalezas e potencialidades de Compostela “en máis actividade económica, máis innovación e máis oportunidades para as persoas que viven e traballan aquí”. Neste sentido, afirmou que a decisión de Bandalux de localizar a súa sede central na capital do país “significa apostar por estabelecer fortes vínculos co noso territorio, significa traer actividade, persoas e coñecemento, e significa tamén expresar unha vontade de futuro”.
Bandalux, cunha traxectoria de 40 anos anos de actividade, vén de abrir as súas novas instalacións no polígono da Sionlla e, na actualidade, conta con máis de 600 traballadoras e traballadores e os seus produtos teñen presenza en máis de 80 países.
A rexedora compostelá tamén puxo en valor o potencial de Santiago para acoller empresas que “poidan desenvolver proxectos con vocación internacional”, baseándose no capital en coñecemento e investigación derivado dunha Universidade máis de cinco veces centenaria, na posición de visibilidade que ten Compostela a nivel mundial e na súa condición de cidade de acolledora e patrimonial.
“Hoxe a competitividade dunha empresa industrial depende en gran medida do coñecemento, do deseño, da tecnoloxía, da capacidade de innovar e, sobre todo, das persoas”, asegurou a alcaldesa, quen engadiu que “por iso, é un obxectivo fundamental do goberno municipal é que Santiago sexa tamén un lugar en que as empresas poidan desenvolver proxectos con vocación internacional, porque temos condicións para facelo”.
Goretti Sanmartín tamén puxo o foco na “luz” como eixo central no traballo desta empresa. “Bandalux leva corenta anos traballando arredor da luz: buscando maneiras de controlala, de aproveitala e de integrala nos espazos en que vivimos e traballamos, do que este edificio que hoxe inauguramos é un moi bo exemplo” asegurou. Así, fixo fincapé en que cuestións como a utilización da luz natural, o confort térmico ou a eficiencia enerxética teñen unha importancia crecente na maneira de pensar os edificios e as cidades. “E nese camiño precisamos tamén empresas comprometidas coa innovación e coa procura de solucións máis eficientes e sustentábeis” sinalou a alcaldesa.
Por último, Goretti Sanmartín tamñen aproveitou para parabenizar a dirección de Bandalux, ás persoas que que participaron no deseño e construción das novas instalacións e, moi especialmente, ás traballadoras e traballadores “que, durante estes corenta anos, fixeron posíbel que aquel proxecto iniciado en 1986 chegase até aquí e con tan boa saúde”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.