Gumersindo Guinarte levará ao Pleno deste xoves a falta de medidas concretas para ordenar os fluxos turísticos tras as colas de ata dúas horas rexistradas este verán nas inmediacións da Catedral.
As e os socialistas advirten de que Santiago debe chegar ao próximo Ano Xacobeo cun sistema de accesos planificado, implantado e probado e reclaman coñecer se existe unha coordinación efectiva entre o Concello e o Arcebispado.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, preguntará no Pleno deste xoves ao Goberno da señora Sanmartín que medidas ten previsto adoptar para ordenar os fluxos turísticos na contorna da Catedral e en que prazos prevé poñelas en marcha, despois das situacións de saturación vividas durante este verán e ante a proximidade dun novo Ano Xacobeo.
Guinarte lembrou que nos últimos meses as colas para acceder á Catedral chegaron a estenderse por rúas como a do Vilar, con esperas de ata dúas horas, unha situación que “afecta á imaxe turística da nosa cidade pero tamén á vida diaria das persoas que residen e traballan no casco histórico” e ao dereito da veciñanza a facer un uso normal do espazo público.
O voceiro socialista advertiu de que o Goberno municipal “leva tempo asegurando que está a estudar esta situación”, pero incidiu en que, a día de hoxe, “seguimos sen coñecer medidas concretas que permitan darlle unha solución”, polo que considera necesario que o executivo de Goretti Sanmartín explique que actuacións ten previstas e cando pensa aplicalas.
Para Guinarte, a planificación resulta especialmente urxente tendo en conta a proximidade do próximo Ano Xacobeo e o previsible incremento da chegada de visitantes. Neste sentido, defendeu que estas actuacións “deberían estar xa planificadas, implantadas e probadas” para evitar que volvan repetirse episodios como os vividos este verán na contorna da Catedral.
Por iso, o Grupo Municipal Socialista pedirá tamén explicacións sobre a coordinación entre as partes implicadas e preguntará ao Goberno local “se existe unha coordinación efectiva co Arcebispado” para organizar os accesos á Catedral e xestionar as colas que se producen na súa contorna.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.