Tuesday 22 de September de 2026

O Concello de Carballo mobiliza máis de 85.000 euros para apoiar o tecido social, deportivo e cultural


A Xunta de Goberno aprobou a convocatoria de subvencións para entidades prestadoras de servizos sociais, dotada con 65.000 euros

A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou este luns distintas liñas de apoio ao tecido asociativo social, deportivo e cultural que mobilizan un total de 84.577,98 euros. Os acordos inclúen a nova convocatoria de subvencións para entidades prestadoras de servizos sociais, a concesión definitiva das axudas para clubs deportivos que participaron ou organizaron fases de ascenso e campionatos de España e as subvencións nominativas á Asociación Antidroga Vieiro e á Asociación Cultural O Molete Psicopop.

A partida máis importante corresponde á convocatoria de subvencións para entidades prestadoras de servizos sociais, dotada con 65.000 euros. O Concello pretende deste xeito contribuír á continuidade e á viabilidade dos programas que desenvolven as entidades sen ánimo de lucro, que constitúen un apoio fundamental á acción municipal pola súa proximidade ás persoas usuarias e pola súa experiencia na atención especializada.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e poderán financiar proxectos, programas e actividades desenvolvidos ao longo deste ano nos ámbitos da familia, infancia e mocidade; discapacidade e diversidade funcional; persoas maiores, igualdade de xénero, prevención das condutas aditivas, inclusión intercultural, inclusión e prevención da exclusión social, así como outras actuacións formativas ou asistenciais vinculadas ao ámbito social.

Cada proxecto poderá recibir ata un máximo de 8.000 euros, sen superar con carácter xeral o 70 % do seu orzamento. O sistema de valoración terá en conta aspectos como a relevancia e continuidade das actuacións, o seu impacto sobre a poboación, a traxectoria e capacidade das entidades, o traballo en rede, a transparencia, a perspectiva de xénero ou o emprego da lingua galega. O prazo para presentar solicitudes será de 20 días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

No ámbito social, a Xunta de Goberno aprobou tamén unha subvención nominativa de 6.000 euros á Asociación Antidroga Vieiro, xunto co correspondente convenio de colaboración para o desenvolvemento ao longo de 2026 de programas de prevención e atención ás condutas aditivas.

A entidade desenvolverá actuacións nos ámbitos comunitario, escolar, familiar, xuvenil e laboral, ademais de servizos de información, orientación e asesoramento ás persoas con condutas aditivas e ás súas familias, atención xurídico-social e programas de rehabilitación e inserción social.

O acordo dá continuidade a unha colaboración que se mantén desde 1991 entre o Concello e Vieiro, entidade declarada pola Xunta de Galicia de interese para a comunidade autónoma en materia de drogodependencias.

Deporte e cultura
No ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou definitivamente a concesión de 5.577,98 euros destinados a financiar a organización e participación de entidades carballesas en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España durante 2026.

A Agrupación Deportiva Fogar da Xuventude recibirá 1.500 euros para os Campionatos de España; Chong Taekwon-Do Carballo, 562,50 euros para o Campionato de España de Kickboxing, e o Club Narani Carballo, 515,48 euros para a participación no Campionato de España Pre-Junior, Junior e Sénior ITF de cintos negros. A Escola Lubiáns de Hockey e Patinaxe recibe dúas achegas de 1.000 euros, unha pola organización do Sector do Campionato de España Alevín e outra pola participación na fase de ascenso a OK Prata. Pola súa banda, Salvamento e Socorrismo Carballo percibirá 1.000 euros pola participación no Campionato de España de Primavera Xuvenil, Júnior e Absoluto celebrado en Castelló.

Por último, no ámbito cultural aprobouse unha subvención nominativa de 8.000 euros para a Asociación Cultural O Molete Psicopop, destinada á organización da 29ª edición do Festival PopXiriaPop, celebrada os días 18 e 19 de setembro.

O Concello recoñece deste xeito o interese social e cultural e a singularidade dun festival cunha longa traxectoria en Carballo e que se consolidou como unha cita estable dentro da programación musical da vila.

Deja un comentario