Tuesday 22 de September de 2026

Daniel Pérez reuniuse con seis alumnas do IES Isidro Parga Pondal que van contar como é Carballo a través dun proxecto de cinema con estudantes de varias comunidades


Que é Carballo para alguén que medra aquí? Como se lle pode explicar a unha persoa que vive a centos de quilómetros de distancia como é este concello, quen o habita ou que significa formar parte del? Seis alumnas de 3º da ESO do IES Isidro Parga Pondal terán que responder a esas preguntas, pero non cunha redacción nin cunha presentación convencional: farano a través do cinema.

 

Candela Blanco Velo, Aroa Andrade Antelo, Nuria Ures Cores, Naiala Amado Ramas, Martina Suárez García e Martina Sande Rodríguez representan a Galicia nun proxecto audiovisual de ámbito estatal, financiado polo Ministerio de Cultura, no que establecerán unha especie de diálogo a distancia con alumnado de País Vasco, Comunitat Valenciana e Canarias utilizando como linguaxe común pequenas creacións cinematográficas.

 

A primeira parte do proxecto ten a Carballo como protagonista. As seis estudantes deberán responder a través da imaxe e do son á pregunta de que é Carballo para elas, falando con distintas persoas e construíndo un retrato que permita ao alumnado das outras comunidades facerse unha idea do concello no que viven.

 

Con ese obxectivo, hoxe mantiveron unha entrevista co alcalde, Daniel Pérez, que as animou a aproveitar o proxecto para contar Carballo desde a súa propia mirada, e a poñer en valor aqueles lugares, persoas, historias ou experiencias que para elas mellor representan o municipio. As alumnas estiveron acompañadas polo profesor de Xeografía e Historia Francisco Carril Torreiro e pola profesora de Pedagoxía Terapéutica Virginia López Otero.

 

Ao longo do proxecto, os diferentes grupos irán creando minicurtametraxes co acompañamento dun titor profesional, que os asesorará tanto no desenvolvemento das ideas como na súa tradución á linguaxe audiovisual. O proceso culminará coa elaboración dunha peza final.

 

A iniciativa propón unha maneira diferente de coñecer outros territorios e, ao mesmo tempo, de volver mirar o propio. Neste primeiro intercambio, Carballo será contado por seis adolescentes que terán que decidir que ensinar, a quen escoitar e como converter todo iso nun relato cinematográfico.

Deja un comentario