Friday 22 de November de 2024

Investigadores das Universidades de Santiago e Lancaster gañan o I Certame Internacional de Traballos de Investigación do Camiño Inglés


Manuel Mirás anuncia que unha delegación de Oroso viaxará ao Reino Unido para establecer unha colaboración entre o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés e a Universidade de Durham

Os investigadores Óscar Perea Rodríguez, actualmente na Universidade de Lancaster, e Paula Cadaveira López, da Universidade de Santiago de Compostela, inscribiron os seus nomes como primeiros gañadores do Certame Internacional de Traballos de Investigación do Camiño Inglés, organizado polo Concello de Oroso. Uns premios que foron entregados polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, quen estiveron acompañados polo deputado provincial Antonio Leira, concelleiros orosáns e o director de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro Durán, e o presidente de Pazos de Galicia, Javier Goyanes Vilar, como membros do xurado do certame.

O alcalde orosán salientou que “hai apenas seis meses, cando puxemos en marcha o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés e despois este certame, creo que ninguén de nós podía pensar que este proxecto ía chegar tan lonxe e en tan pouco tempo. No caso do CEICI xa tivemos visitas de varios investigadores interesados en consultar os nosos fondos pero hoxe podo anunciarvos que investigadores da Universidade de Durham se dirixiron ao Concello de Oroso para interesarse polo noso CEICI e que este verán unha delegación deste Concello viaxará ao Reino Unido para ver de establecer as bases para unha cooperación permanente”.

Manuel Mirás salientou a relevancia deste feito pois “estamos falando da terceira universidade máis antiga de Inglaterra, só por detrás de Oxford e Cambridge. Estamos falando dun dos cinco centros máis prestixiosos do país. Estamos falando dunha universidade que conta con máis de 17.000 estudantes, o dobre que toda a poboación de Oroso. Pois investigadores dese centro puxéronse en contacto cun pequeño Concello como Oroso para interesarse polo noso traballo de recuperación e posta en valor do Camiño Inglés, facendo bo que somos un concello pequeno en poboación, pero grandes en canto a cultura”.

Para o alcalde orosán “o Camiño Inglés, como este Concello de Oroso, son forzas emerxentes que non paran de medrar” e salientou que “se co CEICI ou con este Certame de Traballos de Investigación fomos quen de dar a coñecer máis o Camiño Inglés, se fomos quen de axudar a que máis persoas camiñen polos seus sendeiros, se fomos quen de facer que outras administracións se sumen á posta en valor do noso patrimonio… creo que poderemos darnos por satisfeitos”.

1.500 peregrinos

Pola súa banda, o xerente do Xacobeo felicitou ao Concello de Oroso por esta iniciativa pois “afondar no estudo é un bo camiño para que o Camiño Inglés siga medrando”. Neste sentido, indicou que “no que vai de ano xa pasaron 1.500 peregrinos polo Camiño Inglés, que xeran riqueza nas localidades por onde pasan”. Ademais, indicou que “dende a Xunta de Galicia traballamos para fomentar e lograr esa conexión do Camiño Inglés coas peregrinacións marítimas que viñan do Norte de Europa”.

Finalmente, o deputado provincial Antonio Leira desculpou a ausencia do presidente da Deputación e indicou que dende o ente provincial “seguiremos apostando polo Camiño Inglés porque cremos que é un motor para o desenvolvemento dos concellos e para a cultura e a educación dos nosos veciños”.

Premios

O I Certame Internacional de Traballos de Investigación do Camiño Inglés contou con tres categorías: investigadores, peregrinos maiores de 18 anos e mozos/as menores de 18 anos. Presentáronse un total de 26 traballos, entre xaneiro e marzo de 2016, e o xurado estivo composto por:

• Vanesa Boo Martínez, alcaldesa en funcións
• Luís Rey Villaverde, concelleiro de Cultura
• Alfonso Cabaleiro Durán, director de Galicia Calidade
• Javier Goyanes Vilar, presidente de Pazos de Galicia
• Magdalena Rodríguez Fernández, profesora da UDC
• José Salgado Mosquera, fotógrafo
• Telmo Rodríguez Cid, divulgador do Camiño
• Lucía Vilariño Viqueira, como secretaria do xurado

Na categoría de Investigadores, o xurado acordou dividir o primeiro premio entre dous traballos, que ademais da súa calidade coincidiron tamén na temática: “Un ilustre y belicoso peregrino del Camino Inglés: Juan de Gante, duque de Lancaster, y su desembarco en la Galicia Medieval”, de Óscar Perea Rodríguez; e “La peregrinación de Juan de Gante a Compostela, proyección política de la ruta marítima y del Camino Inglés a Santiago en la Baja Edad Media”, de Paula Cadaveira López. Cada un levou 500 euros de premio.

Paula Cadaveira, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, salientou que “é un orgullo e unha honra compartir este premio con Óscar, coa investigación que está a facer en Lancaster” e agradeceulle ao Concello de Oroso a convocatoria deste premio porque “é importante fomentar o coñecemento do Camiño Inglés, que é o gran descoñecido e non ten nada que envexar ao seu gran rival, o Camiño Francés”. Pola súa banda, Óscar Perea excusou a súa presenza, xa que nestes momentos se atopa traballando no estranxeiro.

Na Categoría de Peregrinos, a tablet do primeiro premio foi para unha peregrina irlandesa Brigid Ryan, por un traballo sen título. O disco duro do segundo premio recaeu en “Mi Camino Inglés en 2014”, de Manuel Ruíz-Gómez de Fez, ambos ausentes no acto de entrega por atoparse fora de Galicia pero que enviaron sendas mensaxes de agradecemento. O terceiro premio, unha invitación para dúas persoas para coñecer o Camiño ao seu paso por Oroso durante unha fin de semana, foi para Sara Pose Martínez e o seu “Diario de un peregrino: un día en el Camino Inglés”.

Finalmente, na categoría de mozos/as menores de 18 anos, o primeiro premio foi para Martín Fernández Villaverde, que recibiu unha tablet de man do concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde. O segundo premio, agasallado coa Enciclopedia do Camiño de Santiago, foi para Adrián Boquete Moreno; mentres que o terceiro, premiado cun vale de 100 euros na tenda de deporte Equipa-T de Sigüeiro, foi para Estela Brocos Otero.

Premios especiais

Finalmente, Galicia Calidade e Pazos de Galicia achegaron tres premios especiais. Así, a mestra Eva Castro Blanco, do CEIP Sigüeiro, recibiu de mans de Alfonso Cabaleiro unha mención especial como “Persoa colaboradora”, xa que conseguíu que participaran no certame todos os alumnos e alumnas da súa clase de 6º A. O xurado tamén outorgou unha mención especial ao historiador local Manuel Pazos Gómez, polo seu traballo “Descrición histórico-artística do Camiño Inglés da Coruña a Compostela”. Pazos Gómez destacou que “o Concello de Oroso é pioneiro no estudo do Camiño Inglés. En 1996 editamos un libro, Os camiños antigos do Concello de Oroso. Neste sentido, temos un pasado que non poden dicir outros municipios da provincia”.

A última mención especial recaeu no traballo “Saboreando el Camino Inglés”, agasallado cunha selección de produtos galegos recoñecidos co selo de Galicia Calidade e que recaeu en Adriana García Vicente, Ángela Pita Pena e Sara Pose Martínez. A parte musical do acto correu a cargo dos violinistas Carla Veiga Otero, Petre Abraham Smeu e Anca Smeu. Todos os premiados asinaron no Libro de Honra do CEICI.