Tres importantes intervencións dos equipos de seguridade cidadá do Concello de Oleiros tiveron lugar durante a fin de semana: un incendio en Nostián, unha persoa desaparecida no mar e un accidente de tráfico na avenida de Valle Inclán necesitaron a intervención do Servizo Municipal de Emerxencias e da Policía Local.
A petición dos Bombeiros da Coruña, os efectivos do Concello de Oleiros acudiron a colaborar na extinción dun incendio que se desenvolvía preto das instalacións da planta de reciclaxe de Nostián. Tras 8 horas de traballo e co incendio controlado retiráronse deixando o lugar a cargo do persoal de Medio Rural da Xunta, que refrescaban a zona para evitar posibles reproducións do lume.
Outra acción de madrugada foi participar no dispositivo de busca dunha persoa desaparecida nas inmediacións do Faro de Mera. O seu corpo sen vida foi localizado por Salvamento Marítimo ás 10:15 horas entre Punta Herminia e Cabo Prior.
Por último, ás 3:30 horas, o servizo presentouse nunha saída de vía dun automóbil na avenida de Valle-Inclán, accidente que non rexistrou persoas feridas pero tras o que houbo que limpar a calzada para deixala en boas condicións de seguridade.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.