Monday 21 de September de 2026

O voceiro municipal do BNG de Vedra renunciará á acta de concelleiro para dar paso a Mari Cao


O BNG repite a fórmula que xa aplicou hai catro anos para formar persoas, compartir responsabilidades e preparar o primeiro goberno nacionalista en Vedra

O voceiro municipal do BNG de Vedra, Fou, renunciará á súa acta de concelleiro no pleno de setembro. Ocupará o seu lugar Yoli Vieiro como nova voceira municipal, entrando Mari Cao, que quedou a un puñado de votos de ser a cuarta concelleira da formación nas últimas eleccións municipais.

A decisión repite a que se adoptou hai catro anos, cando o daquela voceiro cedeu a acta a David, tamén moi preto de acadar a representación municipal. O BNG entende que o seu é un proxecto colectivo e que a mellor maneira de construír unha alternativa de goberno é formar persoas e compartir responsabilidades.

Experiencia institucional de cara ao próximo mandato municipal

Co acceso á acta, Mari Cao poderá coñecer de primeira man o día a día da institución e adquirir a experiencia necesaria para reforzar o proxecto do BNG. Tamén é un paso na preparación do seguinte mandato, na que a formación aspira a formar o primeiro goberno nacionalista en Vedra.

O BNG describe a medida como unha decisión meditada, libre e coherente coa súa forma de entender a política: a representación pública non é un fin en si mesma nin un posto de traballo, os cargos son circunstanciais e o importante é construír organización e fortalecer equipos.

Como é habitual na organización, será a asemblea local quen decida a persoa que exerza como voceiro e cabeza de lista na próxima candidatura municipal. O actual voceiro participará nese proceso co mesmo compromiso de sempre.

Balance do mandato

O BNG aproveita o anuncio para facer balance do mandato. Destaca como unha boa noticia a rehabilitación do centro de saúde de Vedra, que comeza a ser unha realidade tras anos de incompetencia na xestión municipal e das reivindicacións constantes do BNG no Concello e no Parlamento de Galiza. Para a formación, é a proba de que a perseveranza e o traballo constante dan resultados, tamén desde a oposición.

Ao mesmo tempo, alerta de que proxectos como o centro de día e a mini-residencia carecen dunha garantía firme de financiamento, pendentes dunha planificación que ofreza certezas á veciñanza.

Así mesmo, sinala como erros históricos do PP a neglixente planificación do transporte público, a nula iniciativa durante 14 anos para corrixir o PXOM e a eliminación da depuradora de Ribeira, que impide o acceso á depuración nas parroquias centrais. Segundo o BNG, son erros que se pagarán durante décadas.

Compromiso desde a oposición

O BNG de Vedra asegura que continuará propoñendo, fiscalizando e traballando con seriedade por un concello mellor, coa defensa dunha sanidade pública digna, un transporte público eficiente, un sistema de depuración para todas as parroquias, unha xestión coherente do urbanismo, servizos públicos de calidade e unha forma de gobernar baseada na transparencia e no interese xeral.

A formación resume o seu compromiso nunha idea: As persoas pasan, Vedra permanece.

Deja un comentario