A proposta cultural completarase cun coloquio con equipo deste “antidocumental” de natureza
O Concello de Neda programa este venres, a partir das 20:30 horas, unha nova entrega do seu ciclo de cinema documental, que bebe do “Outono das artes” da Deputación. Desta volta, proxectarase o filme- ensaio “Salvaxe, salvaxe”, que recorre as “terras do lobo de Galicia e de Portugal”, explorando a relación entre as persoas, os animais e a paisaxe que comparten.
A cinta, dirixida por Emilio Fonseca, poderase ver na Casa da Cultura e convida, a través dunha proposta visual de enorme forza poética, a observar as pegadas da vida salvaxe e a descubrir unha forma diferente de habitar e interpretar o territorio.
Trátase dun “anti documental de natureza”, no que aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrados e humanos que saben ouvear. Un traballo que desmonta mitos ben asentados e que, segundo apuntan dende a Rede cultural da Deputación, “Máis aló dunha reflexión sobre o lobo, a película propón unha mirada renovada cara aos ecosistemas e a biodiversidade, reivindicando a necesidade de recoñecernos como parte da natureza”.
“Salvaxe, salvaxe”, premio á Mellor longametraxe documental no Festival de Málaga, premio ao Mellor documental en Play-Doc e seleccionado en destacados festivais internacionais, completarase cun encontro con integrantes do equipo da película, favorecendo o diálogo ao redor da ecoloxía, a creación audiovisual e os desafíos ambientais do presente.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.