O concelleiro Non Adscrito advirte de que os axentes están traballando por debaixo dos cadros mínimos, con só dúas patrullas para atender zonas amplas e mesmo con dispositivos de comunicación interna avariados
Muíños critica que Pedro Blanco “se pasee polos barrios en modo precampaña” mentres a comisaría da Policía Nacional de Rodrigo de Padrón continúa sen reabrir e reclama unha resposta coordinada de Concello, Delegación e Subdelegación do Goberno
Logo de que nas últimas semanas se incrementara o malestar entre diferentes asociacións veciñais e colectivos de Santiago polos problemas de seguridade que se están a rexistrar en distintos puntos da cidade, especialmente no Ensanche e nos barrios de Santa Marta e San Lourenzo, o concelleiro Non Adscrito, Gonzalo Muíños, reclamou este domingo ao Executivo de Goretti Sanmartín que deixe de “mirar para outro lado” e active o Pacto Local pola Seguridade e a Convivencia, aprobado polo pleno en febreiro de 2025 por iniciativa do propio Muíños.
O concelleiro considera especialmente preocupante que, mentres medra a preocupación na rúa e os propios axentes policiais están alertando dunha maior conflictividade no ocio nocturno e da proliferación de navallas en pelexas no Ensanche, o Concello continúe sen abordar os problemas internos da Policía Local, desde a falta de efectivos e o incumprimento dos cadros mínimos por quenda ata os fallos nos dispositivos de comunicación interna dos axentes.
“Levamos máis dun ano insistindo nisto e a señora Sanmartín segue sen facer absolutamente nada cunha proposta que aprobou o Pleno”, sinala o concelleiro, que considera que o Concello non pode continuar ignorando unha situación que, segundo advirte, está a xerar unha crecente preocupación entre a veciñanza e entre os propios corpos policiais.
Muíños lembra que o pasado mes de maio xa reclamou a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade ante o agravamento dos problemas rexistrados en Santa Marta e A Choupana. “Catro meses despois, os problemas non desapareceron, senón que se estenderon a outras zonas como Santa Marta e San Lourenzo”, apunta.
Neste sentido, fai referencia ás recentes advertencias públicas realizadas por axentes policiais sobre unha escalada de violencia vinculada ao ocio nocturno e sobre a presenza de navallas en pelexas no Ensanche. “Dicir que a preocupación veciñal non existe ou que se esaxera é vivir nunha realidade paralela. É un problema real que este Goberno négase a xestionar”, afirma.
Axentes sen medios e por debaixo dos mínimos do servizo
Para Muíños, a situación é especialmente preocupante porque ás dificultades que se están a producir nas rúas súmase un problema de xestión interna da Policía Local, que xa provocara o peche do túnel do Hórreo nun conflito que escalou no seu momento á xestión do parque de bombeiros. “Xa non é só que falten prazas: é que o Goberno é incapaz de garantir sequera os cadros mínimos que o propio Concello ten fixados por quenda”, denuncia.
O concelleiro sinala que se están producindo xornadas nas que non se cobren eses mínimos, con “apenas dúas patrullas para atender zonas tan amplas como Conxo”, ao tempo que os axentes deben asumir outras tarefas que dificultan a prestación ordinaria do servizo.
Muíños pon especial énfase nunha cuestión que considera especialmente grave: o estado dos dispositivos de comunicación interna utilizados pola Policía Local. Segundo denuncia, existen dispositivos avariados que dificultan a comunicación dos axentes e poden comprometer a súa seguridade durante as intervencións.
“Non podemos aceptar que os policías saian á rúa sen ter garantidas as ferramentas básicas para comunicarse entre eles e pedir apoio se é necesario”, sinala.
A esta situación engádese, segundo Muíños, que policías locais deben compatibilizar as intervencións na rúa coa formación dos compañeiros en prácticas. “Así non se pode prestar un servizo público nin protexer adecuadamente á veciñanza”, afirma.
“Menos paseos partidistas e máis xestionar as súas competencias”
Muíños criticou tamén o papel que está a desempeñar o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ao que acusa de “pasearse polos barrios de Santiago en modo precampaña electoral” e de realizar valoracións sobre cuestións de competencia municipal.
“De que vén dar leccións o Delegado do Goberno cando ten a comisaría da Policía Nacional de Rodrigo de Padrón queimada e aínda non sabemos nada da súa reapertura?”, cuestiona.
O concelleiro considera que a Delegación do Goberno debería concentrar os seus esforzos nas responsabilidades que lle corresponden, entre elas garantir os efectivos necesarios da Policía Nacional en Santiago e avanzar na recuperación das instalacións da comisaría.
Muíños advirte ademais de que esta cuestión cobra especial importancia ante a proximidade do Xacobeo, que previsiblemente incrementará a afluencia de visitantes á cidade e, con ela, as necesidades de seguridade e coordinación entre os distintos corpos policiais.
Unha resposta coordinada fronte ao “negacionismo” e ao “oportunismo”
O concelleiro Non Adscrito considera que a resposta aos problemas de seguridade non pode quedar atrapada nunha confrontación entre administracións nin entre os distintos grupos políticos. “A seguridade da nosa cidade non se resolve nin co negacionismo da alcaldesa nin co oportunismo do Delegado do Goberno. Tampouco co alarmismo do Partido Popular”, afirma.
Fronte a iso, defende unha resposta baseada en “xestión, acordos e traballo coordinado” e reitera a súa proposta de activar o Pacto Local pola Seguridade e a Convivencia, incorporando tamén á Delegación e á Subdelegación do Goberno.
“O que propoñemos é que todas as administracións poñamos enriba da mesa os medios e as competencias que temos para mellorar a seguridade de Santiago. É a maneira de que todos poidamos demostrar canto de comprometidos estamos con esta cidade”, conclúe Muíños.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.