Monday 21 de September de 2026

A Xunta recoñece o Concello de Carballo como parte interesada no procedemento ambiental da planta de biogás da Laracha


O goberno municipal solicitara esta condición para poder participar no expediente e defender os intereses de Carballo ante as posibles afeccións sobre o río Anllóns e o abastecemento de auga

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia vén de recoñecer oficialmente ao Concello de Carballo como parte interesada no procedemento de outorgamento da autorización ambiental integrada e de avaliación de impacto ambiental ordinaria da planta de produción de biogás promovida por Bioenergía A Coruña, SLU, no concello da Laracha.

A resolución responde á solicitude presentada polo alcalde, Daniel Pérez, o pasado 21 de maio, na que o Concello reclamaba formar parte do procedemento como administración potencialmente afectada. Tras un requirimento posterior da Xunta e a documentación complementaria remitida polo Concello o 8 de setembro, a Administración autonómica considera acreditado que Carballo posúe un interese lexítimo que pode resultar afectado pola resolución e, en consecuencia, concédelle formalmente a condición de parte interesada.

O proxecto da planta de biogás foi sometido a información pública pola Xunta no mes de abril. Segundo a documentación oficial, prevé tratar ata 63.500 toneladas anuais de residuos orgánicos, mediante dixestión anaerobia, para producir biometano.

O Concello de Carballo xa presentara no mes de maio un informe técnico de alegacións elaborado polos servizos técnicos municipais no que solicitaba que se tivesen en conta as deficiencias detectadas na documentación ambiental e que se denegase a autorización ambiental integrada e se emitise unha declaración de impacto ambiental desfavorable ou, subsidiariamente, que o procedemento volvese á súa fase inicial para completar os estudos considerados insuficientes.

Entre as cuestións sinaladas polo Concello figuran a necesidade dunha avaliación adecuada das posibles repercusións sobre a ZEC Río Anllóns, dos efectos acumulativos e sinérxicos da instalación e das posibles consecuencias sobre as captacións de auga situadas augas abaixo, e de maneira específica sobre a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Carballo. O informe municipal tamén reclamaba maior información sobre a estabilidade xeotécnica dos terreos, a tipoloxía dos residuos SANDACH, as garantías do sistema de depuración e os protocolos previstos ante posibles fallos ou vertidos accidentais.

Na mesma documentación, o Concello solicitaba expresamente ser considerado parte interesada porque a decisión que se adopte no expediente podería afectar aos intereses da veciñanza de Carballo e, segundo advertía o informe municipal, podería comprometer a potabilidade e o subministro de auga á poboación en condicións sanitarias adecuadas.

Co recoñecemento comunicado agora pola Xunta, o Concello poderá participar formalmente no procedemento e coñecer as actuacións que se vaian producindo no expediente, mantendo o seguimento dunha instalación que, malia estar proxectada no termo municipal da Laracha, pode ter efectos sobre recursos ambientais e servizos esenciais para Carballo.

Deja un comentario