A proposta, que se elevará ao Pleno ordinario, solicita iniciar os estudos e trámites necesarios para analizar a modificación do PXOM e a suspensión das licencias.
As Comisións Informativas Permanentes de Asuntos Xerais do Pleno e de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas reuníronse hoxe para ditaminar os asuntos que serán elevados ao Pleno ordinario do xoves da próxima semana.
Entre eses temas está a iniciativa popular presentada pola plataforma Stop Biogás A Laracha na que se solicita que se inicien os trámites e estudos necesarios para analizar unha modificación do PXOM que prohiba a instalación de plantas ou industrias de xestión de residuos, produción de biogás ou similares en solo rústico do municipio cando exista afección a núcleos de poboación e bens do patrimonio cultural.
A proposta que se someterá á consideración do Pleno contempla admitir a trámite esa iniciativa popular que foi referendada por 2.088 veciños, cumpríndose os requisitos establecidos pola normativa ao constar no expediente máis de 1.807 sinaturas verificadas, superando así o 15 % do censo municipal esixido.
O informe xurídico do Concello explica que o urbanismo forma parte das competencias municipais, polo que pode iniciarse a tramitación correspondente para analizar a petición formulada pola plataforma. Ao mesmo tempo, tamén indica que a eventual modificación do PXOM, para ser viable, deberá seguir posteriormente o procedemento establecido pola normativa urbanística, incluíndo os estudos necesarios e os informes e autorizacións sectoriais que correspondan.
A iniciativa popular inclúe, tamén, a solicitude de suspender de maneira cautelar e inmediata o outorgamento de determinadas licenzas de parcelación ou edificación vinculadas a este tipo de usos industriais en solo rústico mentres se tramite o expediente. Sobre esta cuestión, o informe xurídico municipal establece que a súa posible adopción será analizada posteriormente de forma motivada e dentro do procedemento correspondente unha vez realizados os estudos e consultas necesarios e emitidos os informes de viabilidade que procedan.
Polo tanto, a proposta que se elevará ao Pleno permite dar curso á iniciativa popular e iniciar os traballos necesarios para estudar as cuestións formuladas, ao tempo que mantén para un momento posterior a análise dunha eventual suspensión de licenzas de acordo coas posibilidades que ofrece a normativa urbanística e co resultado dos estudos e informes correspondentes.
Outro dos asuntos que se elevará ao Pleno é a modificación de crédito número 36/2026, por importe de 356.404,06 euros, que permitiría incrementar os recursos destinados a actuacións nas estradas e vías de titularidade municipal. Esta cantidade procede da baixa do crédito que estaba reservado para realizar unha amortización adicional do préstamo concedido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.