O Concello de Touro foi acolle durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio o proxecto ‘Sempre cun sorriso: simplemente INCRÍBLES’. O proxecto de intervención socioeducativa é unha iniciativa levada adiante por Cristina Otero Pereira, estudante do Grao de Educación Social na Universidade de Santiago de Compostela, baixo a tutoría da docente Yesshenia Vilas Merelas no marco da asignatura ‘Acción socioeducativa nas discapacidades’.
O traballo diríxese a cinco persoas con discapacidade residentes no Concello de Touro. O obxectivo deste proxecto socioeducativo é mellorar o benestar e calidade de vida destas persoas, mellorando o seu funcionamento físico, psicolóxico, cognitivo e social a través de diferentes talleres (música, ximnasia, diálogo ou manualidades) encadrados no ámbito do lecer e o tempo libre e no fomento das habilidades sociais, potenciando deste xeito as súas capacidades e habilidades sociais, físicas, motoras e creativas.
Esta acción permitiu que estas personas, coa axuda da impulsora do proxecto, puidesen experimentar unha melloría na súa calidade de vida. As cinco persoas lograron mellorar habilidades e capacidades para o seu desenvolvemento autónomo na vida diaria. O proxecto continuará adiante. “Non deixaremos de facer actividades para crear tamén vínculos de afectividade”, explica Cristina Otero Pereira, quen indica que o grupo de persoas “é magnífico e todos son incribles”. “Non só facemos actividades, tamén rimos, bailamos, contamos historias e creamos unha relación de amistade”, conta a propia Cristina Otero Pereira.