Friday 18 de September de 2026

O BNG propón regular o uso dos vehículos municipais para reforzar o control sobre o parque móbil


A iniciativa dá resposta ao uso persoal de vehículos municipais por parte dalgún dos membros do goberno e reclama establecer criterios claros para garantir o uso exclusivamente vinculado ás necesidades do Concello.

O BNG de Cabanas propúxolle ao pleno a elaboración dun protocolo para mellorar o control e a xestión do parque móbil municipal, unha iniciativa que chega despois de que se detectasen reiterados usos persoais de vehículos municipais por parte dalgún dos membros do Goberno local e que foi aprobada por unanimidade da Corporación.

A iniciativa pretende garantir que os vehículos municipais se utilicen exclusivamente para o desempeño das funcións e servizos públicos aos que están destinados, así como establecer mecanismos que permitan coñecer de forma transparente o seu uso, os desprazamentos realizados e as persoas autorizadas para conducilos.

O portavoz municipal do BNG, Iago Varela, explica que “os vehículos municipais deben estar sometidos a unhas regras claras de utilización e control”. Neste sentido, considera necesario que exista “unha regulación que determine quen pode utilizar cada vehículo, para que finalidade e baixo que condicións, evitando calquera uso que poida confundirse cunha utilización particular”.

A proposta do BNG busca tamén mellorar a propia xestión dos recursos municipais, facilitando o control dos quilómetros realizados, o consumo de combustible, os gastos de mantemento e reparación e o estado dos vehículos. “Trátase de establecer unhas regras iguais para todo o mundo e garantir que os recursos públicos se utilizan correctamente”, sinala Varela.

A formación nacionalista considera especialmente necesario avanzar nesta regulación ante a ausencia dun sistema suficientemente claro que permita coñecer e controlar o uso do parque móbil municipal. “Cando falamos de vehículos pagados con fondos públicos, debe existir trazabilidade e control. A veciñanza ten dereito a saber que os seus recursos se utilizan exclusivamente para prestar servizos públicos”, apunta.

Desde o BNG valoran que a proposta fose aprobada por unanimidade e espera en que o goberno municipal proceda agora á súa aplicación. “Non estamos inventando nada extraordinario: estamos falando de aplicar criterios básicos de responsabilidade na xestión dos recursos públicos. O acordo foi unánime; agora toca cumprir e establecer un sistema que garanta que o parque móbil municipal está ao servizo de Cabanas e non ao servizo particular de ninguén”, conclúe Varela.

Deja un comentario