Friday 18 de September de 2026

O BNG propón chegar a acordos para mellorar a localización dos contedores e garantir a seguridade viaria


O Bloque Nacionalista Galego propón ao Goberno de Ribeira abordar a localización dos contedores de lixo xa que en moitos puntos da vila están situados en espazos que dificultan a visibilidade en pasos de peóns. Os nacionalistas exemplifican a situación cos que están na avenida García Bayón, Avenida da Coruña no centro urbano pero tamén outros situados nas parroquias que obstaculizan a visibilidade e por iso propoñen buscar alternativas que permitan garantir a seguridade tanto de persoas como de condutores.

A concelleira do BNG, Cruz Rivadulla, explica que a actual disposición dos contedores “está a xerar unha situación que debe ser corrixida, porque afecta tanto á visibilidade dos vehículos como ao propio espazo polo que deben circular as persoas peóns”.

Rivadulla exemplificou o que acontece no paso de peóns que existe ao pasar a rotonda de Padín para abaixo onde xa se produciron situacións de risco. Este punto é problemático porque se trata dunha das principais vías de entrada e saída de Ribeira, con tres carrís de circulación e un importante volume de tráfico. Neste punto existe un paso de peóns que comunica a avenida da Coruña coa rúa de Galiza e que é utilizado diariamente por un elevado número de persoas. Ademais, na zona sitúase unha parada do bus escolar que presta servizo aos institutos, polo que son tamén numerosos os estudantes que empregan este paso. Nese punto, moi concorrido, o contedor do vidro ocupa actualmente unha parte importante do paso de peóns, mentres que o da fracción resto está separado da varanda e conta coa apertura cara á estrada. Esta disposición fai que as persoas que o utilizan teñan que desprazarse cara á calzada para poder depositar os residuos.

A situación tamén se reproduce na avenida da Coruña ou nalgunhas parroquias. “Non estamos falando só dunha cuestión estética ou de comodidade, senón dun punto no que temos que garantir que as persoas poidan cruzar e depositar o lixo sen ter que invadir ou achegarse innecesariamente á calzada”, sinala Rivadulla.

Rivadulla lembra que no Goberno de Luís Pérez Barral xa se modificaron algunhas localizacións e estudouse a posibilidade de modificar outras devido ás grandes dimensións dos recipientes. Porén, nalgúns casos, a ausencia dun espazo alternativo próximo e que reunise as condicións necesarias impediu levar a cabo o traslado.

“Debemos seguir buscando espazos alternativos viable que solucionen os problemas de seguridade e por iso estamos aquí para arrimar o ombro e axudar no que sexa posible”, apunta. Neste sentido, o BNG considera que o actual Goberno municipal debe retomar a procura de alternativas e analizar as diferentes posibilidades existentes para modificar a disposición dos contedores de lixo ou trasladalos a emprazamentos que permita compatibilizar a recollida de residuos coa seguridade viaria e peonil.

O BNG ponse a disposición do Concello para abordar esta cuestión e chegar a consensos porque cando falamos de garantir a seguridade das persoas, temos que actuar con responsabilidade evitando que se produzan accidentes. O noso obxectivo debe ser que as persoas poidan cruzar con seguridade os pasos de peóns e que os vehículos teñan a visibilidade necesaria sen ter contedores de lixo no medio”, conclúe.

Deja un comentario