• A intervención, cun investimento aproximado de 60.000 euros e unha lonxitude de preto de 300 metros, responde a unha demanda dos veciños e veciñas de Aguiño
O Obradoiro de Emprego TAHUME XI, promovido conxuntamente polos concellos de Ribeira e Porto do Son, continúa avanzando no desenvolvemento das diferentes actuacións vinculadas á formación práctica do alumnado. No concello de Ribeira, o certificado de profesionalidade de Carpintería vén de iniciar unha das intervencións máis importantes realizadas ao longo da traxectoria dos once Obradoiros de Emprego TAHUME: a reconstrución integral da pasarela do Carreiro, en Aguiño.
A actuación contempla a renovación dunha pasarela duns 300 metros de lonxitude, cun investimento aproximado de 60.000 euros, o que a converte na obra de maior contía realizada na historia dos Obradoiros de Emprego TAHUME.
A concelleira de Emprego, Carmen Pérez, puxo en valor a importancia desta intervención tanto pola súa dimensión como pola súa repercusión: “Estamos ante unha actuación moi demandada polos veciños e veciñas de Aguiño, polo que se dá resposta a esas necesidades que nos transmiten, e ademais, estamos falando da actuación de maior contía realizada ao longo dos once Obradoiros de Emprego TAHUME, polo que é especialmente importante que poidamos combinar unha intervención destas características coa formación práctica do alumnado”.
Os traballos atópanse actualmente na súa fase inicial. Como parte das actuacións preparatorias, xa se realizou a entrega dunha cuarta parte da madeira necesaria para executar a reconstrución, permitindo avanzar progresivamente nunha intervención que se desenvolverá ao longo das vindeiras semanas.
A reconstrución da pasarela constitúe, deste xeito, unha oportunidade para que o alumnado do certificado de Carpintería poña en práctica os coñecementos adquiridos nunha actuación real de importante dimensión, ao tempo que se contribúe á mellora dunha infraestrutura de uso público e de interese para os veciños e as veciñas.
A intervención no Carreiro forma parte do conxunto de actuacións previstas polo TAHUME XI no concello de Ribeira. Unha vez rematados estes traballos, o alumnado continuará desenvolvendo diferentes actuacións de mellora e conservación en distintos espazos e equipamentos municipais.
Desde o Concello de Ribeira saliéntase que a reconstrución da pasarela do Carreiro supón un paso especialmente relevante dentro desta edición do programa, tanto polo volume do investimento, de arredor de 60.000 euros, como pola dimensión da intervención e a demanda existente por parte da veciñanza de Aguiño.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.