O Concello programou unha ducia de actividades de lecer alternativo para a mocidade ata o 17 de xuño
O Concello reedita a partir desta semana o seu programa de lecer alternativo para a mocidade “Venres en Sansa”. Vídeo, orientación, ciclismo, sendeirismo, zumba, kickboxing, cociña, paintball, educación canina…. e así ata compoñer unha ducia de actividades, todas nos seráns e noites dos venres ata o 17 de xuño. Son os obradoiros dirixidos principalmente á xente nova de entre 12 e 35 anos, aínda que hai algunhas delas que non teñen límite máximo de idade. Os “Venres en Sansa” son unha proposta que xa se ensaiou o ano pasado e que neste amplía a súa oferta co obxectivo de que a xuventude goce dunha forma distinta do seu tempo libre. No primeiro venres a oferta compóñena a Zumba, a Videocreación, a Educación canina e unha Ruta de BTT nocturna.
“Venres en Sansa” enmárcase no programa municipal de actividades para a mocidade e, neste sentido, algunhas van dirixidas só a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos, mentres que outras non terán límite de idade. Para participar nelas terán prioridade persoas empadroadas no concello e as prazas dispoñibles en cada actividade irán cubríndose por orde de inscrición. Malia isto, de non chegar ao cupo previsto, tamén poderán participar persoas doutros municipios.
Todos os obradoiros e actividades precisan unha inscrición previa. Haberá que cubrir o modelo dispoñible algo máis abaixo e entregalo na Casa da Cultura, como moi tarde, o mércores anterior ao día en que se vaian celebrar as actividades, que son gratuítas. Iso si, debemos ter en conta que moitas delas se desenvolverán ao mesmo tempo, polo que cómpre repasar antes o programa para ver cales son as que máis nos interesan. Tamén é importante mirar con detemento se debemos levar algo, como roupa recomendable, linternas, bicicleta, o mandil ou incluso o can.
“Venres en Sansa” arranca este venres 20 de maio con catro obradoiros: un na aula CeMIT entre as 20 e as 23 horas sobre creación e edición de vídeos con 10 prazas dispoñibles, outro de zumba con 20 prazas no pavillón do colexio de 21 a 23.00h., un obradoiro de educación canina -máximo 8 persoas con can- entre as 23.00h. e a 1.00h. e, co mesmo horario, unha ruta nocturna en bici de montaña para a que será obrigatoria a bicicleta, casco e luz frontal.
O seguinte encontro será o venres 27 e comezará ás 20.00h. coa segunda parte do obradoiro de videocreación da aula CeMIT. Unha hora despois comezará a seguinte actividade no ximnasio do CPI centrada na patinaxe. Neste caso hai 15 prazas e será necesario levar patíns. Este obradoiro remata ás 23.00h., xusto a tempo para participar na segunda entrega da actividade de educación canina, que se desenvolverá ata a 1 da mañá no pavillón municipal.
O terceiro “Venres en Sansa” está posto para o venres 3 de xuño e é un dos que programa actividades máis diversas. Ás 20 horas a Casa da Xuventude acollerá dous obradoiros nun, un sobre Minecraft e outro sobre programación robótica. Para esta actividade hai dispoñibles 15 prazas e cumprirá levar ordenador portátil. Simultaneamente desenvolverase unha sesión de paintball -lugar por concretar- na que poderán participar ata 19 mozos e mozas entre 14 e 35 anos. Neste caso o remate está previsto para as 22.00h. Por outra banda, o ximnasio do CPI será escenario dunha clase de kickboxing e defensa persoal con 14 prazas dispoñibles. Preto de alí, no pavillón municipal -e co mesmo horario-, teremos de novo un obradoiro de educación canina para oito persoas acompañadas do seu animal. A segunda parte da noite, das 23.15 á 1 da mañá, o patio cuberto do colexio converterase nunha grande cociña na que aprender a facer pratos creativos que despois poderán degustar tanto as persoas participantes no obradoiro -máximo 20- como o resto de inscritas nas outras actividades .
Para o seguinte venres, o 10 de xuño, a programación inclúe a repetición do obradoiro de Minecraft e robótica cos mesmos horarios, outro de expresión e empatía -21.00h. a 23.00h.- na Casa da Cultura con 20 prazas, a reedición da actividade de cociña no patio cuberto do CPI entre as 23.00h. e a 1.00h. e unha ruta de sendeirismo nocturna para a que hai dispoñibles 40 prazas para maiores de 11 anos que sairá de diante do colexio ás 23.15h. e que estará de volta sobre as 00.45h., a tempo para probar as viandas do obradoiro de cociña. Para a ruta é requisito indispensable levar chaleco reflectante, calzado cómodo que protexa os nocellos, auga e luz frontal ou foco.
O último dos “Venres en Sansa” celebrarase o 17 de xuño con catro propostas: de 20 a 23.00h., último obradoiro de Minecraft e robótica na Casa da Xuventude, de 21.00h. a 23.00h. Danza moderna na Casa da Cultura -25 prazas-, de 23.00h. a 1.00h. Cociña creativa no patio cuberto do CPI e, para finalizar, entre as 23.15 e a 1.00h., desenvolverase pola zona urbana e arredores unha proba de orientación nocturna por equipos aberta a maiores de 11 anos e cun tope máximo de 40 participantes.
En “Venres en Sansa” implicáronse os departamentos municipais de Cultura, Deportes, Orientación Laboral, Igualdade e Desenvolvemento local que nesta segunda edición contarán coa colaboración do club de Kickboxing Sansa, do club BTT Biela e Chaveta, do Club Brío e do CPI de San Sadurniño. A iniciativa conta con finanzamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.
Pódese obter máis información sobre este programa pasando pola Casa da Cultura, onde será necesario entregar a folla de inscrición. Tamén se pode chamar ao 981 490 027 (ext.3) para obter máis datos.