Friday 18 de September de 2026

O FITAGAL regresa a Ribeira con sete espectáculos de teatro afeccionado galego e internacional


• O festival celebrarase do 3 ao 25 de outubro no Auditorio Municipal, con entrada gratuíta

Ribeira acollerá por segundo ano consecutivo o FITAGAL, Festival Internacional de Teatro Afeccionado de Galicia, que se desenvolverá no Auditorio Municipal entre o 3 e o 25 de outubro cunha programación de sete espectáculos, dous máis que na pasada edición.

O festival está organizado pola Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (FETEAGAL) coa colaboración do Concello de Ribeira e da Deputación da Coruña, e consolida a cidade como sede desta proposta dedicada á promoción e difusión do teatro afeccionado.

A Concelleira de Cultura de Ribeira, Ana Barreiro, afirmou que “nesta quinta edición do ciclo, a segunda en Ribeira, o festival amplía a súa programación e aposta pola diversidade de estilos, temáticas e linguas, coa participación de compañías galegas e unha formación procedente de Portugal. Deste xeito, ampliamos a oferta de teatro durante todo o mes de outubro desde o venres ata o domingo”.

As representacións serán os sábados e domingos ás 20.00 horas, con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala. As portas abrirán media hora antes de cada función.

O programa comezará o sábado 3 de outubro coa compañía ourensá Esteta, de Taboadela, e Anos de silencio. O sábado 10 actuará The Sastre, de Barbadás, con Deus non quere calderilla, e o domingo 11 será a quenda de Allegro, de Vigo, con Don Quijote nos infernos.

O sábado 17 chegará desde Portugal Teatro de Balugas, coa obra Barro dos diabos, mentres que o domingo 18 actuará Delatoute, de Ourense, con Arsénico por compasión.

Na última fin de semana, o sábado 24, Noite Bohemia, da Coruña, representará Mucho ruído y pocas nueces, gañadora do Premio Nacional de Teatro Clásico Grecolatino en 2025. O festival pecharase o domingo 25 coa compañía Metatese, de Palas de Rei, e a obra Na procura dun traballo. Ao remate terá lugar a cerimonia de clausura, coa entrega de agasallos institucionais ás compañías participantes.

O FITAGAL volve así converter Ribeira nun punto de encontro para o teatro afeccionado, favorecendo o intercambio cultural entre compañías e achegando ao público unha programación escénica diversa, con especial presenza da lingua galega e tamén do castelán e o portugués.

Deja un comentario