Friday 18 de September de 2026

O Concello renova o equipamento cardiovascular e de musculación Fieiteira.


• A actuación permitirá mellorar as condicións de uso dunha das principais instalacións deportivas municipais cun equipamento máis moderno.

• O contrato, cunha duración de 48 meses, ten un orzamento de 190.000 euros e inclúe tanto o arrendamento do equipamento como o seu mantemento.

O Concello continúa avanzando na mellora e modernización das instalacións deportivas municipais cunha importante renovación do equipamento do ximnasio do Complexo Deportivo A Fieiteira, que contará con novos aparellos para as áreas de exercicio cardiovascular e musculación.

A actuación articúlase mediante un contrato de subministración en réxime de arrendamento, sen opción a compra, cunha duración de catro anos (48 meses) e un orzamento total de licitación de 190.000 euros, IVE incluído.

O obxectivo é ofrecer ás persoas usuarias do ximnasio un equipamento máis moderno, completo e adaptado ás necesidades actuais da práctica deportiva, contribuíndo a mellorar a experiencia de uso e a calidade do servizo que se presta desde o Complexo Deportivo A Fieiteira.

Un dos aspectos destacados da contratación é que o mantemento do equipamento está incluído durante toda a duración do contrato,
garantindo a conservación e o correcto funcionamento dos aparellos.

A opción contractual é a de renting, que consistirá no alugueiro de maquinaria e incluirá o mantemento mensual durante catro anos, cun custo anual de 47.500 euros.

A renovación do ximnasio forma parte da aposta municipal por poñer as instalacións deportivas ao servizo da cidadanía e adaptalas ás novas demandas das persoas que practican deporte.

O Complexo Deportivo A Fieiteira é un dos principais espazos municipais para a práctica deportiva e a actividade física, polo que a actualización do seu equipamento permitirá reforzar a oferta existente e favorecer que máis persoas poidan practicar exercicio en condicións adecuadas.

Desde o executivo salientan que o investimento nas instalacións deportivas é tamén un investimento en saúde, benestar e calidade de vida. Con esta actuación, o goberno municipal continúa avanzando na mellora das infraestruturas deportivas municipais e na renovación dos seus equipamentos, co obxectivo de ofrecer á veciñanza espazos públicos de maior calidade.

Deja un comentario