O piloto Manu Rey exhibirá a súa barqueta de competición e instalará dous simuladores profesionais nos que o público poderá competir e optar a diferentes premios
A Semana Europea da Mobilidade incorporará o sábado 19 de setembro unha proposta diferente que permitirá achegarse ao mundo do motor desde dúas perspectivas: a competición real e a pilotaxe virtual.
A partir das 11.00 horas, a Praza do Concello acollerá a actividade Do circuíto ao simulador, organizada por O’Largo SIM Experience, coa exposición dunha barqueta de competición e a instalación de dous simuladores profesionais de carreiras abertos á participación do público.
A iniciativa parte de Manu Rey, piloto de competición e piloto profesional virtual, coa intención de xuntar nun mesmo espazo os dous mundos nos que desenvolve a súa actividade.
O público poderá ver de preto a barqueta coa que Rey compite no Campionato Galego de Montaña e coa que tamén participou en probas do ámbito estatal, como a Subida ao Fito, en Asturias, e a Subida a Chantada, nas que acadou a segunda posición.
Xunto ao vehículo instalaranse dous simuladores profesionais nos que as persoas asistentes poderán poñerse ao volante virtual e disputar diferentes quendas ao longo da xornada. A intención é establecer unha competición polos mellores tempos. Poderán participar maiores de 14 anos. As inscricións estarán abertas desde o venres 18 en https://manureyolargo.com/sim
A proposta permite achegar ao público unha disciplina cada vez máis profesionalizada, a simulación de carreiras, e comprobar ata que punto a pilotaxe virtual reproduce aspectos técnicos da competición real: trazadas, puntos de freada, precisión, concentración ou xestión dos tempos.
Ao mesmo tempo, a exposición da barqueta permitirá coñecer máis de preto un vehículo deseñado especificamente para a competición de montaña e descubrir as diferenzas entre a condución deportiva nun circuíto ou tramo pechado e a mobilidade cotiá nas vías públicas.
Neste sentido, a actividade incorpora tamén unha mensaxe coherente coa Semana Europea da Mobilidade: o espazo público non é un circuíto de competición. A velocidade e a condución deportiva teñen os seus escenarios específicos e controlados, mentres que nas rúas a prioridade debe ser a seguridade e a convivencia entre todos os modos de desprazamento.
A celebración de Do circuíto ao simulador permitirá así combinar exhibición, tecnoloxía e participación cidadá nunha proposta especialmente atractiva para a mocidade e para as persoas afeccionadas ao motor.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.