Friday 18 de September de 2026

Carballo amplía a súa oferta de formación dixital cun novo curso de mecanografía e ofimática


A Escola de Informática para maiores de 60 anos abre a inscrición ata o 23 de setembro, mentres que a nova actividade, aberta a todas as persoas adultas, poderá solicitarse ata o 19 de outubro

O Concello de Carballo amplía neste curso a oferta formativa da Aula CeMIT con dúas propostas destinadas a mellorar as competencias dixitais da veciñanza. Á consolidada Escola de Informática para maiores de 60 anos súmase como novidade un curso de mecanografía e ofimática básica, aberto a persoas adultas de todas as idades.

As dúas iniciativas parten dun mesmo obxectivo: favorecer unha maior autonomía no uso das ferramentas informáticas, pero están deseñadas para públicos e necesidades diferentes.

A escola destinada a mellorar as competencias dixitais das persoas maiores desenvolverase de outubro de 2026 a maio de 2027 e contará con dous grupos, un os luns de 10.00 a 12.00 horas e outro os martes no mesmo horario, na Aula CeMIT. En total están previstas 110 horas de docencia ao longo do curso para un total de 40 persoas.

A formación está concibida para adaptarse aos distintos niveis de experiencia das persoas participantes. As explicacións serán sinxelas e progresivas, combinaranse con exercicios prácticos e situacións da vida real e ofrecerase reforzo ou ampliación en función das necesidades de cada persoa.

Unha parte especialmente práctica estará dedicada ás ferramentas dixitais que xa forman parte da vida cotiá: Sergas Móbil, Cl@ve, sedes electrónicas e outros servizos das administracións, así como compras e xestións en liña. A seguridade terá tamén un peso importante, con formación para identificar phishing, SMS, correos, chamadas ou mensaxes fraudulentas e utilizar con seguridade códigos QR, ligazóns e descargas. O curso achegará ademais ás persoas maiores á intelixencia artificial.

O prazo de inscrición para a Escola de Informática está aberto ata o 23 de setembro, e terán preferencia as persoas que non participasen nas anteriores edicións.
Mecanografía e ofimática
A principal novidade deste curso é a posta en marcha dunha formación específica en mecanografía e ofimática básica, dirixida a persoas maiores de 18 anos e para a que non é preciso contar con coñecementos previos. Os exercicios adaptaranse ao nivel de partida e ao ritmo de aprendizaxe de cada participante.

O curso pretende recuperar e potenciar unha competencia que segue tendo unha grande utilidade nos ámbitos laboral, formativo e persoal: aprender a escribir correctamente e con soltura no teclado. A formación centrarase especialmente na mecanografía ao tacto, traballando progresivamente a posición dos dedos, a coordinación, a precisión e a velocidade, así como o uso de maiúsculas, acentos, números e signos de puntuación.

A aprendizaxe terá unha orientación eminentemente práctica e completarase con ofimática básica. As persoas participantes aprenderán a crear, editar e gardar documentos; cortar, copiar e pegar textos; aplicar formatos; utilizar títulos, viñetas e numeración; elaborar unha carta ou comunicación; organizar cartafoles e ficheiros, e preparar documentos para imprimir.

A actividade terá unha duración de 30 horas, distribuídas en sesións semanais de dúas horas, os martes de 17.00 a 19.00 horas, a partir do mes de novembro. O prazo para anotarse nesta nova actividade permanecerá aberto ata o 19 de outubro.

Con estas dúas propostas, o Concello continúa utilizando a Aula CeMIT como espazo de formación para reducir as dificultades no acceso ás tecnoloxías, mellorar a autonomía dixital e ofrecer coñecementos útiles tanto para a vida diaria como para os ámbitos formativo e laboral.

Deja un comentario