A iniciativa está dirixida a vivendas unifamiliares con parcela ou horta e permitirá obter gratuitamente composteiros de 400 litros
A campaña está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia FEDER 2021-2027 e busca avanzar cara a unha xestión máis sustentable dos residuos
O Concello de Fene pon en marcha unha nova campaña de fomento da compostaxe doméstica coa que entregará 35 composteiros de balde a vivendas unifamiliares do municipio. Trátase dunha iniciativa dirixida a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que esta iniciativa “permítenos seguir avanzando cara a un modelo máis responsable e sustentable na xestión dos residuos, pero facéndoo ademais coa implicación directa da veciñanza”. Permuy incidiu en que “reducir a cantidade de residuos que chegan aos colectores ten beneficios ambientais, pero tamén económicos, polo que cada pequeno cambio que introducimos nos nosos fogares acaba repercutindo positivamente no conxunto do municipio”.
Quen pode solicitalo
Pode acceder a este composteiro toda persoa que resida nunha vivenda illada que conte cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m². A veciñanza interesada pode realizar a solicitude a través dunha solicitude en liña, dispoñible en fene.gal, ou chamando ao teléfono 981 492 707.
A concelleira de medio ambiente, Cristina García, explicou que “a compostaxe doméstica permite aproveitar unha parte moi importante dos residuos orgánicos que xeramos diariamente e transformalos nun recurso que podemos devolver á terra”. A edil salientou que “é un sistema sinxelo, especialmente axeitado para un municipio como Fene, onde contamos con numerosas vivendas con horta ou terreo que reúnen as condicións idóneas para compostar no propio domicilio”.
Características do composteiro
Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e debe instalarse no exterior da vivenda, tendo en conta unhas recomendacións básicas para o seu correcto funcionamento.
Entre elas están situalo nunha zona sombreada, protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente, baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Recuperar unha tradición do rural galego
Coa posta en marcha desta iniciativa, o Concello de Fene busca poñer en valor as vantaxes ambientais, económicas e sociais da compostaxe doméstica. Ao mesmo tempo, a campaña permite recuperar e actualizar unha práctica tradicionalmente asentada no rural galego, onde os restos orgánicos eran separados para alimentar o gando ou elaborar compost.
“En realidade estamos recuperando unha práctica que durante xeracións formou parte da vida cotiá das nosas casas, adaptándoa agora a un sistema máis cómodo, hixiénico e eficiente”, apuntou Cristina García, quen animou á veciñanza que cumpra os requisitos “a aproveitar esta oportunidade e comprobar que compostar na casa é moito máis doado do que pode parecer”.
Deste xeito, o Concello reafirma o seu compromiso coa xestión sustentable dos residuos e coa mellora ambiental do municipio, ofrecendo á veciñanza unha ferramenta sinxela e gratuíta para reducir a xeración de residuos orgánicos dende os propios fogares.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.