A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, encabezou a primeira hora desta mañá o comité de coordinación para avaliar a situación por mor do vertido de xurro en Tordoia, no que tamén participaron o concelleiro de Servizos Básicos, Xesús Domínguez, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Xan Duro, persoal técnico municipal, persoal da empresa concesionaria da auga e persoal do gabinete de Alcaldía.
Segundo os datos que manexa a empresa concesionaria de auga, procedentes de Augas de Galicia e tamén de primeira man por estar colaborando in situ nos labores de contención e eliminación do xurro, as probabilidades de que o vertido chegue ao punto de captación do Tambre que abastece Santiago son altas.
A empresa concesionaria está monitorizando o río en varios puntos para comprobar permanentemente os niveis de afectación da auga no caudal. Segundo os resultados obtidos ao longo do día de onte, o vertido xa se diluiu moito, cun descenso importante dos valores de amonio, mais está lonxe dos valores axeitados para entrar na ETAP. Ademais, o baixo caudal que levan os ríos dificulta unha rápida dilución.
Ante a previsión de que nos vindeiros días sexa necesario suspender a captación de auga do Tambre, estanse mantendo os depósitos á máxima capacidade posible. Para isto, o Concello eliminou as regas e baldeos e solicita á poboación que limite o consumo de auga ao necesario.
Ademais a alcaldesa, informou da situación ao alcalde de Ames, posto que o abastecemento de Santiago inclúe O Milladoiro, e ao consellerio de Sanidade para prever o acopio de auga nos centros sanitarios.
Goretti Sanmartín volveu comunicar con Augas de Galicia para reclamar unha información máis completa e actualizacións periódicas, e solicitou unha reunión para garantir a coordinación dos protocolos operativos.
O comite de coordinación do Concello permanece activo mentres dure a crise, co obxecto de facer un seguimento en tempo real e tomar as decisións que cumpran.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.