• A concelleira Non Adscrita considera “un auténtico despropósito” recorrer a unha figura extraordinaria como o PIA para impulsar un proxecto nunha contorna de elevado valor natural e patrimonial e reclama respectar o planeamento municipal.
• Castro, Rosón e Muíños, tras reunirse coa Plataforma veciñal en defensa da Sabugueira, levarán ao pleno unha proposición para rexeitar o PIA e respaldar as alegacións presentadas por Raxoi e a veciñanza.
A concelleira Non Adscrita do Concello de Santiago Mila Castro reclama que se paralice a tramitación mediante un Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do parque empresarial previsto en Lavacolla e que calquera desenvolvemento deste ámbito se reconduza ás canles urbanísticas ordinarias establecidas polo planeamento municipal. Tras manter unha reunión coa Plataforma veciñal en defensa da Sabugueira, na que tamén participaron Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños, Castro considera que o recurso a esta figura extraordinaria “reduce garantías e esquiva o planeamento urbanístico da nosa cidade”.
A concelleira rexistrou unha proposición para o vindeiro Pleno na que pide o respaldo da Corporación ás alegacións presentadas polo Concello de Santiago e pola veciñanza, así como instar á Xunta de Galicia a rexeitar a vía do PIA e a tramitar o desenvolvemento do SUND-32 mediante o correspondente Plan Parcial, tal e como establece o PXOM.
“O intento de tramitar un polígono en Lavacolla mediante a figura extraordinaria dun PIA é un auténtico despropósito”, sinala Castro. Ao seu xuízo, a necesidade de ampliar o solo empresarial de Santiago “non pode converterse nun cheque en branco nin xustificar que se utilicen atallos administrativos que reduzan as garantías urbanísticas, ambientais e patrimoniais”.
A contradición coa veciñanza e a protección do Camiño
Castro pon o foco na situación que viven os residentes da parroquia e no que considera unha contradición especialmente evidente. “Calquera persoa de Lavacolla enfróntase a continuos atrancos e restricións patrimoniais para cambiar unha simple tella do tellado da súa casa polo Plan Especial do Camiño, mentres que agora a Xunta admite a trámite un proxecto que mesmo podería chegar a afectar ao trazado e á contorna do propio Camiño de Santiago”, apunta.
Neste sentido, lembra o informe emitido por ICOMOS sobre a proposta, no que o organismo consultivo da UNESCO cuestiona a viabilidade medioambiental do proxecto e advirte dos riscos que a intervención podería supoñer para os valores de integridade e autenticidade do Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial.
A concelleira considera que esta cuestión debe ser abordada con especial rigor e que calquera actuación debe garantir a adecuada integración patrimonial do ámbito. “Non estamos falando dun detalle menor. Estamos falando dunha contorna directamente vinculada ao Camiño de Santiago e, polo tanto, dun espazo no que non se poden rebaixar as esixencias de protección”, defende.
A resposta social ao proxecto é, ademais, outro dos elementos que Castro considera que deben ser tidos en conta. A plataforma veciñal da Sabugueira reuniu máis de 14.000 sinaturas para reclamar o arquivo do PIA. Por iso, a proposición reclama tamén ao Goberno municipal que convoque de inmediato unha mesa de información e seguimento coa plataforma veciñal, facilite toda a documentación técnica dispoñible e preste asesoramento á veciñanza sobre a evolución do procedemento.
“Unha chapuza” con eivas técnicas e urbanísticas
Castro cuestiona tamén a calidade da documentación que acompaña a proposta. Segundo sinala, a documentación presentada incorpora “eivas manifestas”, entre as que cita a inclusión de especies de Canarias nun estudo ambiental, cálculos económicos baseados no IBI de concellos como Pontevedra ou referencias normativas apoiadas nunha Lei de Aviación Civil de 1976 que xa foi derrogada.
A estas cuestións engade as advertencias trasladadas pola propia plataforma veciñal sobre posibles presións ás persoas propietarias para acelerar operacións de venda nun ámbito que, segundo explican, “nin sequera conta coas subministracións básicas de auga e luz”.
“Estamos ante unha chapuza”, afirma Castro, que considera que “as présas da Xunta non poden servir para xustificar unha tramitación excepcional nin para pasar por enriba do planeamento e dos dereitos das persoas afectadas”.
A concelleira lembra ademais que o propio Concello de Santiago formulou alegacións ao proxecto, polo que considera necesario que o Pleno municipal dea respaldo expreso a esa posición e defenda a autonomía municipal na ordenación do territorio.
Solo industrial si, pero nos ámbitos xa previstos
Castro subliña que a defensa do desenvolvemento económico e da creación de emprego en Santiago non implica aceptar calquera localización nin calquera fórmula urbanística. “Santiago necesita solo industrial, pero non necesita destruír unha contorna como a de Lavacolla para conseguilo. Hai outros ámbitos xa previstos no planeamento que poden e deben desenvolverse para acoller actividade industrial, loxística e tecnolóxica”, sinala.
Neste sentido, a concelleira lembra que as Non Adscritas xa reclamaron desde febreiro de 2024 o desenvolvemento dos máis de 820.000 metros cadrados de solo empresarial previstos no norte de Compostela, especialmente o sector SUND-29, así como a adecuación dos sectores SUND-37.3 e SUND-38 ás novas conexións do Orbital e o Orbitaliño.
“O debate non é industria si ou industria non. O debate é onde e como queremos que medre Santiago. E a resposta non pode ser sacrificar unha contorna natural e patrimonial como a de Lavacolla cando existen outros solos previstos para actividade empresarial que levan anos sen desenvolverse”, defende Castro.
Por iso, a proposición que levará ao Pleno reclama á Xunta que abandone a vía do PIA para Lavacolla e que concentre os seus esforzos no desenvolvemento dos solos industriais públicos xa planificados no municipio, garantindo que estes manteñan a súa finalidade produtiva e evitando que sexan absorbidos por usos comerciais alleos á súa función.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.