O Concello recupera e dignifica dez destes espazos tradicionais, reforzando a súa aposta pola conservación do patrimonio e pola mellora de todas as parroquias
O Concello de Laxe vén de levar a cabo un importante traballo de limpeza, acondicionamento e posta en valor de diferentes lavadoiros do municipio, unha actuación coa que o goberno local continúa avanzando na conservación daqueles elementos que forman parte da historia, da identidade e da memoria colectiva dos veciños e veciñas.
Os traballos permitiron recuperar e mellorar o aspecto de dez lavadoiros distribuídos por diferentes puntos do concello, devolvendo a estes espazos tradicionais unha imaxe coidada e digna e contribuíndo, ao mesmo tempo, á conservación do patrimonio municipal.
As actuacións realizáronse nos lavadoiros de Val de Regueira, Río dos Cabalos, A Torre, Pazo de Leis en Soesto, Coens, Matio, Cuiña, Boaño, Fonte do Sapo e Mórdomo.
O alcalde de Laxe, Paco Charlín, destaca que esta iniciativa responde á vontade do goberno municipal de “coidar tamén ese patrimonio máis próximo, o que forma parte da vida diaria das nosas parroquias e que garda unha parte moi importante da historia e das lembranzas de moitas xeracións de laxenses”.
Charlín subliña que detrás destas intervencións existe “unha maneira de entender a xestión municipal baseada en estar pendentes de cada lugar, atender tamén as pequenas actuacións e procurar que todos os núcleos do concello conten con espazos públicos dignos e coidados”.
O alcalde pon igualmente en valor o traballo desenvolvido polo conxunto do equipo de goberno, que mantén como unha das súas prioridades a conservación e mellora dos espazos públicos e do patrimonio local.
“Non sempre son necesarias grandes obras para mellorar un concello. Recuperar un lavadoiro, limpar un espazo que levaba tempo precisándoo ou poñer en valor un elemento da nosa historia tamén é facer municipio e tamén é mellorar a calidade de vida da veciñanza”, sinala Paco Charlín.
Os lavadoiros constitúen ademais elementos estreitamente ligados á historia social das parroquias, ao ser durante décadas lugares de encontro e convivencia, especialmente para xeracións de mulleres. Por este motivo, o Concello considera fundamental garantir a súa conservación e evitar a deterioración destes espazos.
Desde o goberno municipal avanzan que se continuará traballando “paso a paso, parroquia a parroquia e lugar a lugar” na mellora do municipio, combinando os grandes investimentos con actuacións de proximidade que permitan manter un Laxe máis coidado e preservar o patrimonio que pertence ao conxunto da veciñanza.
“Coidar o noso patrimonio é coidar aquilo que recibimos das xeracións anteriores e garantir que siga formando parte do Laxe que deixaremos ás seguintes”, conclúe o alcalde.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.