A alcaldesa reclama solucións urxentes á Dirección Xeral de Mobilidade polos retrasos, as frecuencias insuficientes e os autobuses que deixan a usuarias en terra
O goberno local reafirma o seu apoio aos colectivos que levan anos reclamando un transporte público digno para a comarca
O Concello de Fene vén de solicitar unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade ante o agravamento dos problemas que presenta o servizo de transporte interurbano por estrada coa volta ao curso académico.
O goberno municipal denuncia que, un ano máis, se están a repetir incidencias como retrasos continuados, expedicións que non chegan a realizarse ou autobuses que completan a súa capacidade e deixan persoas usuarias nas paradas sen poder acceder ao servizo. Unha situación que afecta especialmente ás fins de semana e que se ve agravada nestas datas polo incremento de estudantes que se desprazan cara á Coruña e Santiago.
Desde o Concello lembran que esta problemática non é nova e que nos últimos anos trasladaron en numerosas ocasións á Xunta de Galiza a necesidade de reforzar o servizo e adaptalo á demanda real existente na comarca. Porén, denuncian que, ata o momento, non se adoptaron medidas eficaces para resolver unha situación que se repite de maneira recorrente.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que “non podemos asumir con normalidade que cada día haxa estudantes e traballadoras que queden en terra porque os autobuses van completos ou porque os horarios non responden ás necesidades reais da comarca”. A rexedora considera que “é imprescindible que a Xunta, como administración competente en materia de transporte, adopte medidas inmediatas e esixa ás empresas concesionarias un servizo acorde coa demanda existente”.
Permuy anunciou que xa solicitou unha reunión coa Directora Xeral de Mobilidade para trasladarlle directamente esta problemática e reclamar solucións. “Levamos anos advertindo desta situación e o tempo demostrou que as reclamacións da veciñanza e dos concellos estaban plenamente xustificadas. É o momento de pasar das palabras aos feitos”, afirmou.
A alcaldesa incidiu ademais en que “Fene e o conxunto de Ferrolterra non poden seguir sufrindo un progresivo illamento en materia de mobilidade. Aos problemas do transporte por estrada súmanse as importantes deficiencias das conexións ferroviarias, o que limita as oportunidades de estudo, traballo e desenvolvemento económico da comarca”.
Desde o Concello de Fene reiteran tamén o seu apoio aos colectivos veciñais e plataformas que levan anos reclamando un transporte público digno e de calidade para Ferrolterra. O goberno local considera que as súas reivindicacións “responden a unha necesidade real da cidadanía” e defende que garantir unha mobilidade eficiente é esencial para fixar poboación, favorecer a igualdade de oportunidades e asegurar o acceso aos servizos públicos.
O Concello agarda que a reunión solicitada coa Dirección Xeral de Mobilidade sirva para abrir unha vía de diálogo que permita dar resposta a unhas demandas históricas e avanzar cara a un modelo de transporte público que responda ás necesidades reais da veciñanza de Fene e do conxunto da comarca.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.