Tuesday 15 de September de 2026

O Concello de Neda activa este venres un ciclo de cinema documental, da man do “Outono das artes”


O Concello de Neda aposta nos meses de setembro e outubro polo cinema documental. Grazas ao ciclo “Outono das artes” que impulsa a Deputación da Coruña, chegarán á localidade cinco documentais do máis variado. Unha proposta que vén a diversificar a oferta cultural do municipio.

Nas próximas semanas, a tarde dos venres, sempre a partir das 20:30 horas, será tempo para o documental na Casa da Cultura de Neda. A entidade local artella esta iniciativa botando man dalgúns dos títulos que inclúe a carteleira de cinema do ciclo multidisciplinario provincial.

A primeiras das entregas terá lugar esta mesa semana. Con motivo do Día internacional da fotografía, o Concello brindará a oportunidade de ver, en formato XXL, a peza audiovisual “Mary Quintero. Máis de 90 anos de creatividade”, que repasa a traxectoria dunha das grandes fotógrafas e retratistas galegas do século XX.

A vindeira semana – 25 de setembro- da man do filme- ensaio “Salvaxe, salvaxe”, o público poderá percorrer as chamadas terras de lobo de Galicia e Portugal para “explorar a relación entre as persoas, os animais e a paisaxe que comparten”.
Xa en outubro, haberá tres novas entregas do “Outono das artes”. Así, o día 2, “Ao son da nova regueifa” permitirá afondar na tradición da regueifa e na súa evolución contemporánea. O 9 de outubro será a quenda de “Crónicas dun non!!”, un documental que conta a historia do movemento da insubmisión en Galicia, a través da experiencia do seu director, Fernando Rodríguez Gómez “Peñaño”, condenado a un ano de cárcere pola súa negativa a incorporarse á mili no ano 1989.

O ciclo despedirase o venres 16 coa proxección de “Le Archeólogue”(El arqueólogo) curtametraxe que constitúe un dos tres piares do proxecto sociocultural Cru: memoria coruñesa sobre o Mar Exeo. Todas as proxeccións do “Outono das artes” da Deputación, incluídas no ciclo municipal, serán gratuítas.

Deja un comentario