Tuesday 15 de September de 2026

A II Mostra de Teatro no Mosteiro combinará patrimonio e artes escénicas no claustro de San Salvador de Bergondo cun cartel para todos os públicos


A Asociación Catro Gatos e o Concello de Bergondo, co apoio da Deputación da Coruña, impulsan a segunda edición deste festival que procura dinamizar o patrimonio a través da cultura e gañar novos espazos para as artes escénicas

Galeatro, Dani Blanco Cía e o grupo amador de teatro da asociación Catro Gatos conforman o cartel desta segunda edición da mostra

A II Mostra de Teatro no Mosteiro, organizada polo Concello de Bergondo e a asociación Catro Gatos co patrocinio da Deputación da Coruña, celebrarase entre os días 3 e 5 de setembro no claustro de San Salvador de Bergondo cun cartel conformado por tres espectáculos e coa vontade de combinar artes escénicas, patrimonio e asociacionismo cultural. Así o explicaron esta mañá, en rolda de prensa, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira de Cultura de Bergondo, Patricia Vázquez; a representante da asociación Catro Gatos, María José Ferreño, e os integrantes da compañía Galeatro, Tone Martínez e Alba Bermúdez.
Durante a rolda, que tivo lugar na sede da institución provincial, lembrouse o éxito colleitado na primeira edición desta Mostra e a necesidade de lles dar continuidade a iniciativas que, como esta, serven, por unha banda, para poñer en valor e dinamizar o patrimonio histórico-artístico da provincia e, pola outra, para crear públicos a favor das nosas artes escénicas.
O Mosteiro de San Salvador, recoñecido como Ben de Interese Cultural, é un dos exemplos máis salientables da evolución do románico tanto na comarca das Mariñas coma no conxunto do territorio galego. O seu claustro converterase por tres noites nun escenario e poderá recibir un máximo de 150 espectadores. A entrada será libre até completar o aforamento.
Memoria e poética do clown
Tres serán os espectáculos que se ofrezan nesta II Mostra de Teatro no Mosteiro, dous deles vencellados á memoria colectiva e un terceiro que pivotará ao redor da poética do clown. A programación abrirá o xoves 3 de setembro, ás 21.00 horas, con Muiñada, espectáculo para o público familiar da compañía Galeatro. Muiñada é unha viaxe ao pasado para os nenos de hoxe. Unha viaxe que serve para coñecer de onde vimos e para non deixar morrer a memoria dos nosos avós e avoas. Muiñada conta a historia de Sabela e Xacobe, que por un malentendido coa quenda se atopan nun muíño de auga. Ao ver que os dous non poden moer ao mesmo tempo, comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que os cativos e os que non o son tanto se acheguen a un edificio que foi fundamental para Galicia: o muíño de auga.
Xa o venres 4, a II Mostra de Teatro no Mosteiro pasará dunha primeira xornada dedicada ao público familiar a unha segunda na que se porá o foco sobre o teatro amador. Deste xeito, ás 21.00 horas, dará comezo a función de Encrobas, montaxe dirixida por Tone Martínez e interpretada por Elvira Varela, Óscar García, Arantza Rodríguez, Jose María Martínez, Soraya Sampedro. María José Ferreño e Lucía Ruiz. Encrobas é unha peza de teatro documental e de creación colectiva que revive un episodio clave da loita social en Galicia: a resistencia labrega no val das Encrobas durante os anos 70 fronte á expropiación forzosa das súas terras por parte do Estado franquista e da empresa FENOSA.
Como peche desta II edición, o sábado 5 de setembro, ás 21.00 horas, chegaralle a quenda a Dani Blanco Cía, que presentará ante o público Absurdia. Esta proposta reúne en escena a Arturo Cobas, Antón Coucheiro e o propio Daniel Blanco. Trátase dunha obra de improvisación para o público adulto e sustentada en dous piares fundamentais: o teatro do absurdo e a poética do clown. Nela, os actores danlles vida aos personaxes, improvisan diálogos e desenvolven escenas a partir das suxestións do público. Unha fábula que se ri do absurdo da condición humana: da inxenuidade e da vileza, da soidade, da fraxilidade, dos fracasos ou da incomunicación.
A asociación
A Asociación Cultural Catro Gatos naceu en 2016 vencellada ao Centro Público Integrado (CPI) de Cruz do Sar, de Bergondo, onde os intérpretes Tone Martínez e Alba Bermúdez se encargan dende aquela dos obradoiros de teatro para o alumnado. A raíz desta primeira actividade formativa, medrou o interese nas artes escénicas na comunidade educativa. Un interese que se canalizou na constitución desta asociación cultural que mantén o seu propio grupo de teatro amador con integrantes de idades que van dende os 26 aos 65 anos. A Asociación Cultural Catro Gatos, entre outras iniciativas, desenvolve cursos de teatro para todas as idades, organiza o Maratón Teatral no que se amosa a actividade anual do grupo de teatro e promove o ciclo Marusía Escénica, no que participan agrupacións amadoras dos municipios de Carballo, Cambre, Sada, Bergondo e Oleiros.