A programación inclúe unha decena de propostas no centro cívico, Casilla do Puntal, Casa da Cultura e polideportiva do Roxal
Coa vista posta en arrincar a programación no mes de outubro, o Concello de Neda abrirá este martes 1 de setembro o periodo de inscrición nas súas escolas deportivas e de benestar. Esta nova edición de “Nedactívate” contempla unha decena de propostas deportivas e saudables en diferentes escenarios, aínda que a maioría delas concéntranse un ano máis no centro cívico, dirixidas a xente adulta e en horario de mañá e de tarde.
Así, a oferta inclúe clases de ximnasia de mantemento; ximnasia terapéutica; ximnasia saudable; adestramento funcional; zumba e sesións de ximnasio con monitor e, por suposto, dúas actividades con gran demanda: ioga e pilates. Estas dúas actividades contarán con varios grupos e horarios. Ademais, levaranse a cabo clases de ximnasia saudable na Casilla do Puntal.
A oferta extraescolar arrincará o curso coas clases de patinaxe na pista polideportiva do Roxal, e respecto ás escolas de benestar social, retomaranse os grupos de memoria na Casa da Cultura e obradoiros de Mentes activas no Puntal.
Como é habitual, o proceso iníciase coas persoas empadroadas en Neda, que poderán formalizar o trámite entre os días 1 e 4, e a partir do día 7 de setembro, o prazo ábrese para veciños e veciñas de calquera municipio, incluído Neda.Nos dous casos, deberá realizarse de 9:30 a 12:00 horas no centro cívico, ata completar as prazas ofertadas, e no caso de quedar vacantes, o prazo de inscrición manterase aberto durante todo o ano.



