A modificación introduce a posibilidade de autorizar ocupacións temporais, facilita a reorganización dos espazos e permite adaptar os usos dos postos ás novas necesidades do mercado
O Concello de Carballo vén de aprobar definitivamente a modificación do Regulamento do mercado municipal, unha actualización orientada a introducir maior flexibilidade na xestión dos postos, favorecer a ocupación dos espazos que queden vacantes e adaptar a oferta comercial ás necesidades actuais das persoas consumidoras.
A modificación foi aprobada inicialmente polo pleno da corporación o pasado 25 de maio e, unha vez rematado o período de exposición pública sen que se presentasen alegacións, adquiriu carácter definitivo. O novo texto foi publicado o 27 de agosto no Boletín Oficial da Provincia, polo que xa está en vigor.
Postos temporais e adxudicación directa
O novo regulamento tamén permite que, cando unha licitación quede deserta, o Concello poida acordar a adxudicación directa dun posto ou almacén, mantendo como mínimo o canon e as condicións establecidas na licitación, sempre que non transcorrese máis dun ano desde a declaración de deserto do procedemento.
Outra das modificacións é a creación expresa da figura dos postos temporais. Cando unha licitación quede deserta ou se produzan vacantes durante o período dunha concesión, o Concello poderá autorizar temporalmente a utilización deses postos ou almacéns, favorecendo así que os espazos dispoñibles poidan incorporarse de novo á actividade comercial.
As vacantes publicaranse tanto no taboleiro do propio mercado como na sede electrónica municipal, e as autorizacións tramitaranse por orde de entrada das solicitudes. As persoas interesadas deberán cumprir os requisitos establecidos para as concesionarias e presentar unha memoria da actividade que pretendan desenvolver.
Ademais, á hora de cubrir estes postos procurarase incorporar produtos ou actividades pouco representados actualmente no mercado municipal, co obxectivo de ampliar e diversificar a oferta dispoñible para a clientela.
Estas ocupacións provisionais terán unha duración mínima de seis meses e poderán prolongarse ata unha nova adxudicación, cun límite máximo de dous anos.
O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, destaca que a reforma que vén de entrar en vigor “dános ferramentas para que un posto que queda libre non teña que permanecer necesariamente pechado ata a seguinte licitación. Queremos un mercado vivo, coa maior ocupación posible e no que tamén haxa oportunidades para novos proxectos comerciais”.
Un mercado con capacidade para adaptarse
Outra das novidades importantes é a maior flexibilidade para modificar a actividade dun posto. A petición da persoa concesionaria, o Concello poderá autorizar un cambio de uso atendendo ao seu interese comercial, á presenza desa actividade no mercado ou á conveniencia de ordenar e harmonizar os distintos usos. A persoa titular deberá presentar un proxecto de explotación e asumir, de ser necesarias, as obras de adaptación.
A modificación elimina ademais o antigo anexo pechado de postos e usos, o que permite unha organización máis dinámica dos espazos e unha mellor adaptación á evolución da actividade comercial.
Por outra banda, o regulamento incorpora a posibilidade de que, excepcionalmente, unha persoa concesionaria poida trasladarse a outro posto vacante sen necesidade de realizar unha nova licitación cando existan razóns de mellora do servizo, reorganización comercial, adaptación ás necesidades do mercado ou redistribución dos espazos para mellorar o seu rendemento.
Para Ramón Varela, “o obxectivo último é que o regulamento sexa unha ferramenta ao servizo do funcionamento do mercado e non unha normativa ríxida que dificulte a súa evolución. Queremos facilitar a incorporación de novas actividades, aproveitar mellor os espazos dispoñibles e seguir facendo do mercado municipal un lugar atractivo tanto para comprar como para emprender”.
A actualización normativa enmárcase na aposta municipal pola dinamización do mercado municipal, que ao longo deste ano se está reforzando cun programa estable de actividades, campañas de fidelización e propostas gastronómicas, formativas e familiares destinadas a incrementar a afluencia e poñer en valor o comercio de proximidade.



