Tuesday 15 de September de 2026

O Concello de Ribeira destina máis de 54.000 euros para as familias cara o inicio do curso escolar 2026-2027


 Concedéronse un total de 132 axudas para comedor e adquisición de material escolar

As familias prepáranse para o inicio do curso escolar 2026-2027 e o Concello de Ribeira colabora nesta volta ás clases destinando 54.785,89 euros en axudas para comedor e adquisición de material escolar.

A Administración local concede un total de 132 axudas para a rapazada dos distintos centros educativos de infantil, primaria e secundaria do termo municipal co obxectivo de facilitar o comezo do ano académico nas distintas idades.
“Estamos a piques de comezar o mes de setembro e, con el, chega un novo curso escolar e unha época de moito investimento por parte das familias para preparar aos seus fillos e fillas no regreso ás aulas.

Dende o Concello de Ribeira somos conscientes do esforzo económico que supón e, por iso, queremos contribuír a facilitar este novo ano académico sufragando comedor e adquisición de material escolar, tanto libros como dispositivos informáticos. En consecuencia, isto supón un esforzo que fai a Administración local poñendo o foco nos servizos, pensando especialmente nas familias en situación de vulnerabilidade”, en palabras do concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño. A isto engadiu que “son máis dun cento de axudas concedidas para facilitar o acceso á educación en igualdade de condicións.”