Tuesday 15 de September de 2026

A Aula CeMIT pecha con pleno de participación os campamentos tecnolóxicos de verán e prepara xa unha próxima actividade para maiores de 14 anos


• O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira Ángeles Pacoret entregaron os diplomas á rapazada de Makers Avanzados, a última das catro quendas desenvolvidas en xullo e agosto

• A programación continuará cun obradoiro de ficción interactiva no que as persoas participantes poderán crear as súas propias historias para xogar en teléfono móbil e ordenador

A Aula CeMIT do Concello de Carballo pechou esta semana a programación dos campamentos tecnolóxicos de verán cun resultado inmellorable: as catro quendas ofertadas durante os meses de xullo e agosto completaron todas as prazas dispoñibles. A iniciativa, integrada no proxecto municipal Talento km 0, permitiu achegar a programación, a creación dixital e as novas tecnoloxías á rapazada dun xeito práctico e creativo.

A última quenda, Makers avanzados, estivo dirixida a alumnado con maior experiencia e permitiulle afondar nos coñecementos adquiridos a través de diferentes proxectos. Ao longo do campamento, os mozos e mozas programaron, crearon os seus propios videoxogos e deseñaron unha páxina web, converténdose en protagonistas de todo o proceso creativo.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, participaron no acto de clausura e na entrega de diplomas, xunto coa técnica responsable da Aula CeMIT, Milagros Antelo, e a profesora dos campamentos, Lidia Esmorís, que felicitou o alumnado polo traballo realizado e destacou especialmente a implicación, o interese e o excelente comportamento dos grupos ao longo de toda a programación estival.

Daniel Pérez salientou que a resposta obtida “demostra que existe un enorme interese entre a rapazada por aprender, experimentar e crear coa tecnoloxía cando se lle ofrecen propostas atractivas e adaptadas ás súas idades”. O alcalde incidiu tamén na importancia de que desde o ámbito municipal “non nos limitemos a ensinar a utilizar as novas tecnoloxías, senón que proporcionemos ferramentas para entendelas e para crear con elas”.

Creación de historias interactivas

Tras completar a oferta infantil e xuvenil do verán, na que participaron nenos e nenas desde os sete ata os 14 anos, a Aula CeMIT amplía agora a franxa de idade das súas actividades cunha nova proposta aberta a maiores de 14 anos e sen límite máximo de idade.
A seguinte cita, o sábado 19 de setembro pola tarde, será un obradoiro de ficción interactiva, unha sesión práctica de tres horas na que as persoas participantes aprenderán a construír as súas propias historias ao estilo dos clásicos libros de “escolle a túa aventura”, nos que cada decisión conduce a un percorrido diferente.

Para facelo utilizarán Twine, unha ferramenta gratuíta que permite crear narrativas interactivas sen necesidade de ter coñecementos previos de programación. Ao remate do obradoiro, cada participante poderá dispoñer dun relato propio que poderá xogarse directamente desde un móbil ou ordenador e mesmo publicarse en plataformas especializadas como itch.io.

As inscricións poderán realizarse a partir do martes 1 de setembro a través da páxina web da Aula CeMIT ou nas oficinas municipais situadas no segundo andar do Fórum Carballo.

O taller estará impartido pola carballesa Sara Pérez, artista de efectos especiais para videoxogos desde 2019, con experiencia en empresas nacionais e internacionais. Foi tamén docente no Máster de Desenvolvemento de Videoxogos da Universidade de Málaga e é a directora da Atlantic Games Conference, da que levamos celebradas xa dúas edicións en Carballo.

Con esta nova actividade, o Concello de Carballo dá continuidade á programación da Aula CeMIT e á súa aposta por achegar a creación dixital a públicos de todas as idades para favorecer non só a adquisición de competencias tecnolóxicas, senón tamén a creatividade, a capacidade narrativa e un uso activo das ferramentas dixitais. En breve abrirase tamén o prazo de matrícula para a Escola de Informática para maiores de 60 anos, que iniciará en outubro o seu terceiro curso.