O Concello presenta a programación da festa, que se celebrará o primeiro domingo de setembro, dende as 10:00 horas no paseo marítimo
O Concello de Neda presentaba esta mañá a programación especial da XXXVI edición da súa Festa do Pan, que se celebrará na contorna do paseo marítimo o vindeiro 6 de setembro, primeiro domingo do mes, tal e como marca a tradición. Declarada de Interese Turístico de Galicia, o pan, as empanadas e doces dos fornos da localidade serán os grandes protagonistas, e un ano máis, ese protagonismo acompañarase dunha completa oferta de actividades de lecer para que nenos e maiores desfruten, co permiso do tempo, durante toda a xornada.
A festa arrincará ás 10:00 horas coa apertura de panaderías. Desta volta, poderemos adquirir os produtos de La Gallega, Paca Castro Romero e Panificadora Germán. Á mesma hora, abrirán tamén os postos do mercado de artesanía, e xa ás 11:00 horas, comezará a animación a pé de rúa coa agrupación Airiños de Fene e os cabezudos da Asociación Cultural Piruchela.
Despois de verse obrigado a aprazar a función este xoves, o Concello programará ás 12:00 horas o espectáculo “Hoxe, si!”, da compañía Sempre Arriba. Un show de clown, acrobacias aéreas e moito humor para desfrutar en familia.
Tamén sobre as 12:00 horas, o público asistente poderá participar nunha degustación de produto da ría promovida pola Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, e sen abandoar o capítulo gastronómico, media hora máis tarde, porase a disposición dos asistentes as empanadas presentadas a concurso, ata esgotar existencias.
O director de Navantia Ferrol, o nedense Eduardo Dobarro, encargarase este ano de dar lectura ao pregón co que, xa ás 13:00 horas, se inaugurará oficialmente a Festa do Pan de Neda. O acto rematará, como de costume, coa entrega de premios do Concurso de Empanadas, e seguiralle a sesión vermú, amenizada cos temas de onte e de hoxe a cargo de Los Zares. Ademais, este ano, acollerá a presentación oficial da nova formación musical Os Kurtidos, que interpretarán algúns temas do seu repertorio.
O xantar popular está previsto para as 14:00 horas. Este ano, o menú inclúe pan, empanada, paella, churrasco, bebida, doce e café ao prezo de 22 euros, e os tickets poderán mercarse na festa durante toda a mañá, ata completar aforo. Unha festa que non cesa, xa que contra as 15:30 horas, volverá a animación musical con A Charanga da Carmiña.
A tarde estará especialmente adicada aos máis pequenos e pequenas da casa.
Durante todo o día poderán desfrutar de inchables gratuítos, e ás 17:00 horas, poderán participar nun obradoiro de elaboración de pan coa Granxa Escola Belelle, e ás 18:30 horas, celebrarase o espectáculo de clown e escapismo “A vida tola”, con Natalia Outeiro.
Neste 2026, o broche de ouro á festa correrá por conta do músico e investigador Xurxo Fernándes, que trae a Neda o seu espectáculo “Levaino”


