Tuesday 15 de September de 2026

O Concello envía ao Tacgal os informes de resposta ao recurso contra a adxudicación do transporte urbano


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa para abordar diferentes asuntos de actualidade. Tamén avanzou que o próximo luns, a Xunta de Goberno local levará a proposta de adxudicación da instalación da cuberta no parque infantil da rúa Berna, nas Fontiñas, e das obras de adecuación do pavillón do Monte dos Postes.

Sanmartín Rei explicou que o Concello xa enviou os informes de resposta ao recurso presentado pola empresa Martin S.A., licitadora que quedou puntuada no terceiro lugar, perante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACGAL) contra esta adxudicación á UTE formada por ALCALABUS SL, CASTROMIL SAU e AUTOBUSES URBANOS DE LUGO SAU. O recurso reclama que se retrotraian as actuacións para excluír a empresa gañadora e para que se volva valorar a que ficou en segundo lugar. No informe técnico-xurídico enviado, apoiado cunha análise pericial, xustifícanse detalladamente cada unha das cuestións alegadas e entende que dan cumprida conta de que non son admisibles ningunha das cuestións recorridas.

Goretti Sanmartín explicou que este tipo de recursos “son habituais nos grandes contratos”, como xa ten acontecido na fase de aprobación do expediente, no que se presentaron cinco (ningún prosperou for porque se inadmitiron, for porque foron rexeitados polo Tacgal).

Ademais, na súa intervención, a rexedora municipal defendeu que este goberno impulsou un modelo cun deseño de novas liñas, estendéndoas ao rural e ampliando os horarios para dar servizo nocturno, e fíxose un importante esforzo ténico para elaborar un expediente rigoroso. Polo tanto, o goberno é optimista, aínda que -engadiu Sanmartín- “por suposto que nos preocupa que se presentase un recurso porque, aínda que o traballo realizado pola mesa de contratación e os informes de avaliación son moi sólidos, cando menos estase xerando unha demora”.

Aclaracións do Concello

Na resposta remitida ao Tacgal, aclárase o relativo aos custos que recolle Stellae na súa oferta, que o cumprimento dos convenios se ten que verificar durante a execución do contrato e que a mesa de contratación non pode presupor incumprimento en tanto non se dea unha baixa temeraria. Tamén se aclaran outros conceptos sobre os fluxos económicos.

No relativo ás alegacións contra a oferta da empresa adxudicataria, o informe municipal expón que a recorrente confunde a solvencia económica e técnica (en relación á adscrición dunha empresa de enxeñería para a estación de servizo, por exemplo).

“Temos unha gran confianza en que se fixo un bo traballo e que o resultado será favorable, mais teremos que agardar a resolución que, en principio, ten un prazo de dous meses para ser emitida”, explicou Goretti Sanmartín, quen informou de que mentres o Concello sigue avanzando coa ordenanza que regule o prezo dos billetes.

Outros asuntos

Na súa intervención, fixo mención ao inmediato inicio do curso tras a volta do verán, que rematou con acordos relevantes, como é a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cun orzamento de 7,2 millóns de euros anuais (o dobre con respecto ao mandato anterior). E agora, engadiu, seguimos con “novas contratacións”.

Así, a alcaldesa avanzou que na Xunta de Goberno local do próximo luns levarase a proposta de adxudicación para a instalación da cuberta no parque infantil da rúa Berna, unha obra comprometida desde hai tempo e que supón un investimento de aproximadamente outros 175.000 euros nas Fontiñas e habilitar un uso máis amplo do parque nos momentos en que o clima o dificulta. O parque ten unha superficie total de 500 m2 e a cuberta deberá harmonizarse coa vexetación da contorna, e poderá cubrir total ou parcialmente a superficie pero garantindo que protexe da chuvia todos os elementos de xogo.

Sanmartín Rei indicou que tamén está prevista a adxudicación das obras de adecuación do Pavillón do CEIP Monte dos Postes para que cumpra coas normas de seguridade e de accesibilidade e poida recuperar a capacidade deste equipamento, que volverá ser de 930 persoas fronte ás 100 actuais.