Saturday 16 de November de 2024

O Concello presenta unha serie de iniciativas para dar a coñecer as vantaxes do proxecto de Coruña Smart City aos escolares da cidade


 

As actividades permitirán aos estudantes descubrir a cidade a través de contidos dixitais e interactivos, así como presentar as súas propostas para transformar A Coruña nunha cidade intelixente
O concelleiro de Educación e Xuventude, Francisco Mourelo, informou sobre as actividades que se poñerán en marcha na cidade para achegar o proxecto de Coruña Smart City aos máis novos. “Esta iniciativa, que se desenvolverá durante o primeiro trimestre de 2015, foi deseñada para que os estudantes da Coruñacoñezan e se convertan en partícipes do proxecto, saiban que é unha Smart City e descubran as vantaxes de vivir nunha cidade intelixente”, explicou o responsable municipal.
En concreto, trátase de dúas actividades: a primeira delas, coñecida como Formación Smart, ten como obxectivo dar a coñecer os escolares que é unha Smart City ou cidade intelixente, por queA Coruña o é e cales son os beneficios que Coruña Smart City ten para eles. “Formularanse aos escolares os retos das cidades do futuro e como as diferentes cidades do mundo, coñecidas como Smart Cities, os están a resolver a partir de Smart Ideas, é dicir, ideas sinxelas e innovadoras baseadas na tecnoloxía e con forte compoñente de eficiencia e sostibilidade”, destacou Francisco Mourelo.

As clases, que se dividirán en dúas sesións de 50 minutos, están dirixidas a estudantes de Secundaria. Nestas, os alumnos poderán coñecer os sistemas baseados na geolocalización de elementos sobre o terreo ou descubrir o proceso de creación de mapas temáticos da cidade. Animarase os estudantes que participen nestas sesións de formación á presentación voluntaria dunha Smart Idea, é dicir, unha proposta que lles gustaría que se levase a cabo na Coruña para mellorar a calidade de vida dos seus veciños.
A segunda actividade son os Itinerarios Smart, integrados no programa educativo municipal Coruña de Aventura, para dar a coñecer a cidade aos mozos a través de contidos dixitais e interactivos, e dende un punto de vista moderno e atractivo. Para el, profesores e alumnos dispoñerán dunha páxina web na que poderán preparar o itinerario e as visitas a realizar, e así coñecer e estudar a historia, a arte e os elementos que máis tarde descubrirán in situ.

Poñerase a disposición dos centros nove Itinerarios Smart para os alumnos de todas as etapas educativas, entre 8 e 18 anos:
– Picasso neno: de casa ao colexio e En tempos medievais, para escolares de 3º e 4º de Primaria.
– Prazas con poder e A Coruña: praza forte, para escolares de 5º e 6º de Primaria.
– O Camiño Real e Cuando A Coruña era Marineda, para alumnos de 1º e 2º diso.
– Carné Picasso e Casas consistoriais ao longo da historia, para alumnos de 3º e 4º da ESO
– A cidade do vento, para alumnos de Bacharelato.
“Os Itinerarios Smart nacen co obxectivo de que se incorporen á educación dos estudantes coruñeses como unha ferramenta de ocio pero, sobre todo, de aprendizaxe”, explicou Mourelo, quen engadiu: “Se trata de que todos os participantes poidan gozar desta experiencia nas súas casas usando o ordenador para traballar sobre o itinerario que realizaron no centro escolar e as actividades que desenvolveron xunto aos seus compañeiros”.

O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade.
A plataforma tecnolóxica xa está lista para conectarse á segunda fase de proxecto, que consiste en poñer en marcha 14 proxectos pilotos que achegarán servizos máis eficientes e intelixentes aos cidadáns. Dos 14 pilotos, 10 están en fase de execución; dous están en proceso de adxudicación (eficiencia enerxética na ETAP daTelva e optimización do tráfico en tempo real) e os dous últimos acaban de saír a licitación (o proxecto Bio e o de interacción co cidadán).

Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mejor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa.