• A proposta nace das reunións mantidas con veciños e comunidades de zonas como O Portádego, Fonteculler e Acea de Ama
• García: “Unha axuda resolve a reparación de hoxe; queremos evitar que os veciños teñan que volver pagar mañá”
O PP de Culleredo valora positivamente as axudas anunciadas para reparar prazas e espazos privados de uso público e pide que se concreten e cheguen canto antes ás comunidades de propietarios que afrontan importantes gastos por filtracións, impermeabilización, pavimentos deteriorados ou problemas de accesibilidade.
A portavoz popular, Izaskun García, explica que o PP leva tempo traballando sobre esta problemática por mor das visitas e reunións mantidas con veciños e comunidades de distintos puntos de Culleredo, entre eles O Portádego, Fonteculler e Acea de Ama. “Atopámonos con prazas que son privadas sobre o papel, pero están abertas e utilízaas todo o barrio. Os veciños trasládannos unha pregunta moi sinxela: por que temos que asumir nós sós o custo de manter un espazo que utiliza todo o mundo?”, sinala García.
Por iso, alén de apoiar as axudas, o PP propón identificar estes espazos e estudar, caso por caso e xunto aos seus propietarios, cales poderían ser cedidos voluntariamente ao Concello, sempre que exista interese público e resulte técnica, xurídica e economicamente viable. “Non queremos quedarnos unicamente en reparar. Unha subvención axuda a solucionar o problema de hoxe, pero o que queremos é buscar unha solución para que eses veciños non teñan que volver pagalo mañá”, afirma García, que lembra que existen precedentes noutros municipios. En Vigo, por exemplo, o Concello expuxo a cesión como unha das vías para intervir en prazas privadas de uso público.
O PP solicitará tamén que se concrete canto diñeiro terán as subvencións, que porcentaxe das obras financiarán e cando poderán solicitalas as comunidades: “Escoitamos o problema nos barrios e agora poñemos unha solución sobre a mesa: axudar onde é urxente e estudar que, onde sexa posible, unha praza privada que funciona como pública poida chegar a ser pública”.


