Augas de Galicia destinou case 2.000 euros nesta acción de conservación fluvial que mellorará o estado deste curso fluvial
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar unha actuación de conservación no regato da Barreira, ao seu paso polo Concello de Oleiros. Esta tarefa que realiza Augas de Galicia ten por finalidade evitar posibles asolagamentos nas etapas de choivas abundantes e intensas, xa que o depósito de material nos leitos dos ríos provoca atoamentos.
Neste caso concreto, actuouse nun tramo de case 100 metros á altura do lugar do Salgueiral e Maianca, na parroquia de San Cosme; e os traballos realizados consistiron na retirada dun atoamento na canle, provocado por troncos de árbores e as polas caídas sobre a canle. Tamén se realizou a poda de polas rotas e un desbroce selectivo das masas de matorral. Os traballos tiveron un custo de case 2.000 euros.
Cabe recordar que os traballos de roza están recollidos dentro do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección que a Xunta de Galicia promove.
Pulo ás actuacións de conservación e limpeza
O Goberno galego conta cun Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, que inclúe as medidas necesarias para axilizar a limpeza dos ríos. Así, con esta normativa só é necesario que o particular ou administración local correspondente comunique con 15 días de antelación as tarefas a executar a Augas de Galicia. Trátase dunha axilización fronte aos outros trámites, que se traducen nunha duración de entre 4 e 6 meses por expediente.