As persoas interesadas en presentar as súas elaboracións, deberán anotarse previamente a partir deste venres
Fiel á tradición, a Festa do Pan de Neda, declarada de Interese Turístico de Galicia, volve convocar unha edición máis o seu concurso de empanadas. Este venres 28 de agosto, o Concello abre inscricións para que todas as persoas interesadas en presentar as súas mellores elaboracións poidan facelo, competindo por lograr o recoñecemento na cita, que se celebrará o vindeiro domingo 6 de setembro, e tamén, conseguir un dos tres premios que se concederán no certame ás mellores empanadas.
Para anotarse, é preciso chamar ao teléfono 981 39 02 33 (en horario de 10 a 14 h) ou enviar un correo electrónico ao email cultura@neda.gal. Haberá que sinalar nome e apelidos, enderezo, DNI, teléfono e ingredientes principais da empanada. O prazo concluirá o próximo venres 4 de setembro. Ademais, as bases do concurso poden consultarse na web municipal.
Xa no certame, as empanadas, que deberán pesar entre 1 e 2 kg, entregaranse entre as 10:30 e as 11.00 horas na carpa “En lembranza a Albarón”. O produto quedará en exposición, e a cata do xurado comezará ás 11.00 h, dando a coñecer o seu veredicto tras o pregón. Formarán parte do xurado unha persoa en representación das panaderías de Neda e dous representantes do movemento asociativo, valorando sabor, textura e presentación.
Haberá un 1º premio de 200 euros, un 2º de 150, e un 3º de 100, canxeables todos eles por produtos nas panaderías que participan na Festa do Pan.



