O Concello de Carballo vén de completar a auditoría anual da certificación ambiental EMAS das praias incluídas no seu ámbito (Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal), un proceso que permite avaliar de maneira independente o funcionamento do sistema municipal de xestión ambiental e comprobar tanto o cumprimento dos requisitos establecidos como a evolución dos obxectivos de mellora.
A auditoría desenvolveuse ao longo dos últimos días e concluíu coa reunión final de lectura dos resultados, na que a empresa auditora trasladou aos responsables municipais os aspectos detectados durante o proceso.
Na xuntanza participaron o alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales; o xefe de Protección Civil, Javier Souto, persoal técnico municipal de Medio Ambiente e representantes da empresa auditora.
O proceso de auditoría abrangue unha análise exhaustiva da Declaración Ambiental e da documentación e rexistros asociados ao sistema de xestión, así como comprobacións in situ nas praias que forman parte do ámbito EMAS.
Entre outros aspectos, avalíanse a evolución dos diferentes indicadores ambientais, a xestión dos residuos, os consumos de recursos, as emisións, o estado dos servizos e instalacións incluídos no sistema, a sinalización e información ambiental ou o cumprimento dos obxectivos establecidos.
As visitas aos areais permiten contrastar sobre o terreo a información recollida na documentación e verificar que a xestión realizada se corresponde cos procedementos establecidos polo Concello.
Cumprimento legal e resposta ante emerxencias
Outro dos aspectos fundamentais da auditoría é a comprobación do cumprimento dos requisitos legais aplicables e dos procedementos municipais de actuación ante posibles situacións de emerxencia ambiental.
Neste apartado revísanse os mecanismos previstos para responder ante incidencias que poidan afectar ás praias ou ás augas de baño e a coordinación entre os diferentes servizos municipais implicados.
O concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales, destacou que «a auditoría é unha ferramenta moi útil porque nos permite comprobar cunha avaliación externa como está funcionando o sistema, detectar aspectos que podemos corrixir e, sobre todo, seguir avanzando na mellora da xestión ambiental das nosas praias».
Un dos principios fundamentais do sistema EMAS é a mellora continua do comportamento ambiental. Por iso, a auditoría non se limita a comprobar o cumprimento da normativa, senón que analiza a evolución da xestión respecto de exercicios anteriores e o grao de consecución dos obxectivos ambientais establecidos.
Neste proceso tamén se teñen en conta as incidencias, queixas e suxestións recibidas e a resposta ofrecida polo Concello, así como as medidas correctoras ou de mellora que se vaian incorporando ao sistema.
Entre os indicadores analizados figuran tamén os relacionados cos consumos e as emisións, de maneira que as decisións adoptadas na prestación dos servizos poden avaliarse desde o punto de vista da súa eficiencia ambiental. Neste contexto, a redución do uso de maquinaria, cando resulta posible e axeitado, pode contribuír á diminución do consumo de combustible e das emisións de CO₂.
O alcalde, Daniel Pérez, salientou que «someternos cada ano a unha auditoría externa significa poñer a nosa xestión ambiental baixo exame e asumir o compromiso de seguir mellorándoa». Segundo indicou, «as praias son un dos grandes patrimonios naturais de Carballo e queremos que a súa xestión responda a criterios ambientais medibles, avaliables e cada vez máis esixentes».
Coa finalización da auditoría dáse un novo paso no proceso anual do sistema EMAS. A partir dos resultados obtidos e dos procedementos establecidos, continuarase coa validación da Declaración Ambiental e coa tramitación correspondente para o mantemento do rexistro EMAS ante o órgano ambiental competente.


