Friday 22 de November de 2024

Feijóo traslada ao alcalde de Ferrol o compromiso da Xunta de seguir impulsando, igual que co naval, os proxectos estratéxicos para a cidade


O presidente do Goberno galego informou ao alcalde do contido da reunión mantida co presidente de Navantia e dos novos contratos que supoñen un futuro despexado para as familias que traballan no sector

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este mediodía, nun encontro co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, o compromiso da Xunta para seguir impulsando, igual que co naval, os proxectos estratéxicos para a cidade.

Na xuntanza mantida hoxe co rexedor da cidade departamental, o naval foi novamente un dos principais asuntos abordados polos dous dirixentes. A este respecto, Feijóo informou do contido da reunión mantida, a semana pasada, co presidente de Navantia e destacou a satisfacción pola adxudicación a Navantia Ferrol do contrato para a construción de dous BAC para a Armada australiana. Un contrato que, cun investimento de 500 millóns de euros e catro anos de carga de traballo, supón un cambio radical da situación dos estaleiros na ría e un futuro despexado para as familias que traballan no sector.

Así mesmo, o titular do Goberno galego incidiu en que estas cifras aínda poden crecer máis se se confirman os contratos de mantemento posteriores á fabricación. E salientou que o estaleiro está tamén esperando a decisión das autoridades de Arabia Saudí e a evolución doutros proxectos, tal e como lle confirmou o presidente de Navantia.

Unha vez recuperada a construción civil en Fene, Feijóo fixo fincapé en que este novo contrato para a Armada australiana implica a recuperación definitiva da carga de traballo do estaleiro público, sumando un contrato estratéxico a outros en vigor por máis de 600 millóns de euros, como o flotel de Pemex, o Buque de Acción Marítima, os proxectos de eólica offshore Wikinger y Hywind, e parte dos catro petroleiros de Ondimar, entre outros. É dicir, máis de 1.100 millóns de euros en contratos.

Diante destas cifras, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá apoiando coa mesma intensidade o estaleiro ferrolán e o sector naval galego como fixo ata agora, xa que o emprego e a recuperación da cidade ferrolá é unha das prioridades do seu do Goberno.

O responsable autonómico agradeceu a valoración positiva que fixo o alcalde ante o novo horizonte que se abre, así como o feito de que ambos os dous mandatarios coincidan na necesidade de impulsar un plan de formación, para facer fronte nos próximos tempos ás novas necesidades de contratación de persoal.

Saneamento integral da ría
En materia de saneamento da ría de Ferrol, no que se levan investido máis de 250 millóns de euros, o responsable autonómico insistiu na necesidade da posta en marcha dun sistema de depuración coordinado de xeito mancomunado entre os concellos para explotar esta gran infraestrutura hidráulica. E, neste senso, reiterou a disposición e colaboración técnica de Augas de Galicia, sempre que o desexen, para poñer en marcha o proceso.

Despois de que se veñan de executar os colectores xerais da marxe norte da ría, o titular da Xunta transmitiu tamén ao alcalde a necesidade de que o Concello autorice de inmediato a entrada de máis caudal á depuradora, e así poder seguir completando as fases que permitan acadar o saneamento integral da ría. O alcalde manifestou o seu compromiso de que este proceso poida estar en marcha a partir do mes de xuño.

Feijóo incidiu en que unha axilización nos trámites para garantir un mellor saneamento da ría poderá contribuír a que se incrementen os recursos marisqueiros dispoñibles e, consecuentemente, a que as confrarías poidan avaliar un aumento de concesións de novos permex, o que significaría máis emprego e riqueza para a comarca.

Loita contra o furtivismo
Precisamente, outro dos asuntos abordados na xuntanza mantida en San Caetano, e que tamén está relacionado co mar, foi a loita contra o furtivismo, un problema que o mandatario galego cualificou como grave e que se debe atallar, xa que supón unha minoración do recurso marisqueiro do que viven legalmente moitas familias na ría de Ferrol; un risco para a saúde pública pola posibilidade de introducir nos circuítos comerciais produto carente das garantías hixiénico-sanitarias; e unha competencia desleal para quen realiza a actividade legalmente.

Consciente de que algunhas persoas recorren a esta práctica por atoparse nunha situación de extrema necesidade, o presidente do Goberno galego afirmou que a Administración autonómica seguirá traballando para facilitar que esas persoas poidan ver mellorada a súa situación a través do labor dos servizos sociais e as políticas de inclusión e de integración laboral. Non en van, na actualidade existen diferentes vías de acceso a recursos de apoio e axuda antes que dedicarse a unha práctica que entre en colisión cos intereses xerais dos profesionais e de todos os veciños da ría que cumpren as normas.

En todo caso, Alberto Núñez Feijóo expresou a disposición favorable da Xunta a estudar a posibilidade de incrementar os permex, sempre que así o propoñan as confrarías.

Servizos públicos e superávit de responsabilidade
No eido das infraestruturas, o titular autonómico afirmou que unha vez avanzadas as obras de conexión do AVE coa meseta, a Xunta ten como principal prioridade que o Ministerio de Fomento avance na mellora do transporte ferroviario de Ferrol e Lugo, co obxectivo de acadar uns tempos de viaxe competitivos.

Durante a xuntanza, o presidente autonómico referiuse tamén á sanidade pública como un eido fundamental e confirmou que ao longo deste primeiro semestre de 2016 presentarase o Plan Director do Hospital de Ferrol.

No que atinxe á Residencia de Maiores de Caranza, Feijoo lembrou que o pasado 27 de abril asinouse a acta de replanteo das obras de reforma. Máis de 1 millón de euros que investirá a Xunta nunha actuación que afectará ás plantas sexta e sétima deste centro residencial e cuxas obras deberán estar rematadas no prazo de sete meses.

Así mesmo, transmitiu ao alcalde que os nenos e mozos da comarca de Ferrolterra serán os primeiros en beneficiarse, ao igual que os do resto de Galicia, do superávit de responsabilidade, no que o Goberno galego xa está a traballar coa máxima dilixencia posible para poder poñer á disposición da Comunidade, e que é produto de aplicar unha política económica responsable.

Se ben, nas próximas semanas iranse debullando con maior profusión as decisións, as medidas e os programas, o presidente autonómico referiuse ao primeiro paquete de medidas aprobadas no pasado Consello da Xunta e que se porán en marcha no eido da infancia e da mocidade.

Medidas entre as que destacou o Bono Coidado, para completar a oferta de apoio ás familias, tamén en casos en que os pequenos teñan que permanecer na súa vivenda debido a unha enfermidade, ou a extensión da Tarxeta Benvida ao próximo ano.

No eido da mocidade, e para facilitar que os mozos que non viven nas zonas urbanas modifiquen os seus hábitos de transporte sen custo para eles nin para as súas familias, lembrou a gratuidade dos desplazamentos do transporte público interurbano metropolitano para os menores de idade, o que beneficiará directamente a todos os mozos que viven na comarca de Ferrolterra.