Este encontro desenvolverase no 4 e 5 de setembro e contará tamén cunha gala benéfica
Ribeira acolle no 4 e 5 de setembro o primeiro curso de Investigación Traslacional en Obesidade: do laboratorio á práctica clínica dirixido a profesionais da saúde e que contará con especialistas na materia para poñer o foco en como a obesidade se foi consolidando como unha enfermidade crónica multifactorial con implicacións metabólicas, cardiovasculares e sociais. Ana B. Crujeiras, Luisa M. Seoane, Sulay Tovar e María Pardo, en representación da Sociedade Española de Obesidade (SEEDO), son as son as organizadoras locais deste encontro que pretende afondar na necesidade de trasladar de maneira eficiente os avances dos últimos anos á práctica clínica diaria.
Este curso permitirá comprender os mecanismos biolóxicos emerxentes da obesidade, interpretar a investigación traslacional recente e aplicar novas ferramentas terapéuticas e diagnósticas na súa práctica clínica. Preténdese, en consecuencia, reducir a brecha entre o laboratorio e a consulta, fomentando un manexo da obesidade baseado na evidencia e na innovación biomédica.
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, na compaña da concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifestou a dimensión desta iniciativa, pois “a obesidade é un dos grandes problemas de saúde da nosa sociedade e cremos que as administracións públicas tamén temos a responsabilidade de apoiar iniciativas que permitan coñecer mellor esta enfermidade e, sobre todo, conseguir que os avances da investigación repercutan nunha mellor atención e calidade de vida das persoas.” Neste senso, referiuse á importancia de que un encontro científico destas características se celebre no municipio.
“Queremos que a nosa cidade sexa tamén un lugar onde se xere e se comparta coñecemento e demostrar que a ciencia e a formación de alto nivel poden saír dos grandes centros urbanos e atopar en municipios como Ribeira unha contorna extraordinaria para o intercambio científico”, declarou.
Pero, ademais do encontro científico, terá lugar unha gala benéfica a favor da investigación sobre a obesidade no venres, 4 de setembro, ás 20.30 horas, no novo Auditorio municipal, a cal versará sobre Ciencia e Sociedade. Achegando a investigación en obesidade á cidadanía. A entrada solidaria establécese nos 5 euros e contará coa participación de Boticaria García e Javier Butragueño para falar sobre Entrega para a vida, ademais das actuacións de Alfaia e Alecrín. E, unha vez finalice o coloquio, presentarase o libro Mujeres de hierro. Tamén se habilita a fila 0 para quen queira colaborar, pero non poida achegarse.
A investigadora e organizadora, Ana B. Crujeiras, xunto á súa compañeira, Luisa M. Seoane, expuxo a natureza deste curso que nace coa finalidade de “acurtar a distancia entre o que descubrimos no laboratorio e o que podemos facer por unha persoa con obesidade na consulta. Estamos vivindo, probablemente, un dos momentos máis apaixoantes na investigación da obesidade. Durante moito tempo transmitiuse unha visión excesivamente simplificada desta enfermidade, practicamente reducida a comer demasiado e movese pouco. Hoxe sabemos que a realidade é moitísimo máis complexa. E sabemos tamén que non existe unha única obesidade.”


