Tuesday 15 de September de 2026

A VIII Challenge Junior Carballo reúne do 28 ao 30 de agosto a 120 ciclistas de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León


O Concello de Carballo patrocina o maillot amarelo de líder da clasificación

Carballo volverá converterse esta fin de semana nun dos grandes escenarios do ciclismo de base coa celebración da VIII Challenge Junior Carballo, organizada polo Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino e que reunirá entre o venres 28 e o domingo 30 de agosto a 120 ciclistas.
O prazo de inscrición pechouse este martes cunha participación que confirma a consolidación dunha proba que xa ocupa un lugar destacado nos calendarios galego e estatal. Na Challenge estarán representados 18 equipos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, entre eles o Vázquez y Reino-Carballo, que competirá na casa con seis integrantes.

Na listaxe figuran tamén dúas corredoras sub-23, que participarán unicamente na primeira etapa, a contrarreloxo individual do venres. O regulamento permite nesta primeira xornada, de categoría autonómica, a participación de corredoras júnior, sub-23 e elite, mentres que as dúas etapas en liña posteriores son de categoría nacional e están reservadas á categoría júnior.

Na presentación da proba participaron o alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro. En representación do club organizador acudiron a súa presidenta, Vanessa Loureiro, e a directora deportiva do equipo júnior Vázquez y Reino-Carballo, Nerea Suárez.

O concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, destacou que a Challenge «converte Carballo nun referente do ciclismo e, ao mesmo tempo, permítenos amosar o noso territorio e achegar á veciñanza o talento de ciclistas que, en moitos casos, veremos competir ao máximo nivel dentro de poucos anos». Barreiro agradeceu tamén «o enorme traballo que realiza o Club Ciclista Carballo durante todo o ano e, dun xeito especial, para sacar adiante unha competición destas características».

Pola súa banda, Vanessa Loureiro agradeceu especialmente o apoio continuado do Concello de Carballo, das empresas patrocinadoras e colaboradoras, das persoas voluntarias e dos servizos de seguridade e emerxencias, e subliñou que a Challenge é tamén «unha oportunidade para poñer en valor o noso territorio» e compartir a paixón polo ciclismo.

O alcalde, Daniel Pérez, quixo aproveitar a presentación para ter unha lembranza moi especial para Manuel Seoane, falecido hai uns días e estreitamente vinculado durante moitos anos ao Club Ciclista Carballo. «Esta Challenge vai ter inevitablemente un nome na memoria de todas as persoas que queremos o ciclismo en Carballo: o de Manolo Seoane. Foi unha persoa profundamente ligada ao club, ao ciclismo e ao deporte de base, e deixou unha pegada que seguirá presente durante moito tempo. Nestes días nos que Carballo volve encherse de bicicletas, de equipos e de xente nova que comparte esa paixón polo deporte, é imposible non acordarnos del. Esta edición tamén será, dalgún xeito, unha homenaxe á súa memoria e a tantos anos de dedicación e cariño polo ciclismo carballés», sinalou o alcalde.

Tres días de ciclismo

A competición abrirase o venres 28 cunha espectacular contrarreloxo individual de 3 quilómetros entre Razo e Monte Neme. A saída estará situada no Paseo da Praia e o primeiro corredor partirá ás 19.00 horas, cun percorrido ascendente que rematará no Monte Neme.

O sábado 29 disputarase a etapa máis longa, de 107,6 quilómetros. A saída neutralizada está prevista para as 16.30 horas, cun percorrido que incluirá varios pasos pola vila e que levará o pelotón por Coristanco, Rus, A Agualada, Ardaña e Artes antes do regreso á meta, situada na Gran Vía. A xornada inclúe premios da montaña na Agualada e na Pifaíña, ademais de metas voantes en Carballo. Nesta etapa decidirase o Campionato galego de estrada 2026.

A Challenge decidirase o domingo 30 coa etapa Carballo-Pedra do Sal, de arredor de 95 quilómetros, con saída neutralizada ás 09.30 horas.

O itinerario levará os corredores por Malpica, Buño, Razo, Lema, Rebordelos, Pedra do Sal, Imende, Pedrarrubia e Oza, entre outros puntos, antes da chegada final á Pedra do Sal. A etapa contará con varios premios da montaña e metas voantes.

A clasificación xeral da Challenge establecerase pola suma dos tempos das tres etapas e, ademais da clasificación individual, disputaranse as clasificacións da montaña, metas voantes, mellor júnior de primeiro ano e mellor corredor galego.
Cinco maillots para cinco liderados

A imaxe da Challenge volverá estar moi ligada ás empresas e entidades que fan posible a competición. Ademais da colaboración de Gestagua, que se une nesta edición ás empresas patrocinadoras da proba, os cinco maillots que distinguirán os líderes das diferentes clasificacións contan con patrocinadores específicos:
• Maillot amarelo, líder da clasificación xeral: Concello de Carballo.
• Maillot vermello, líder da montaña: Fundación Luis Calvo Sanz.
• Maillot verde, líder das metas voantes: NorInver.
• Maillot azul, mellor júnior de primeiro ano: Garaysa, que tamén patrocina o premio ao mellor equipo da Challenge.
• Maillot branco, mellor corredor galego: Metalúrgica BB.

Estas cinco clasificacións e a orde de prioridade dos seus respectivos maillots están recollidas no regulamento oficial da competición.

As metas voantes contan, así mesmo, co patrocinio de Muebles Luis e Vázquez y Reino. Na etapa do sábado haberá metas voantes patrocinadas por Muebles Luis nos pasos por Carballo, mentres que o domingo a primeira delas, na avenida de Razo, estará patrocinada por Vázquez y Reino.

O Concello de Carballo mantén o seu apoio a unha competición plenamente consolidada, que combina deporte de alto nivel, promoción do ciclismo de base e proxección do territorio.